O presidente da "Mesa pola Normalización Lingüística", Carlos Callón, asegurou hoxe que o decreto da Xunta sobre o ensino do galego na educación obrigatoria "nace morto", tras "o que transcendeu" nos medios sobre o informe do Consello Consultivo de Galicia (CCG).

O informe do Consello Consultivo, entregado onte á Consellería de Educación e do que transcendeu nalgúns medios algunhas consideracións, é o último trámite que debe superar o borrador do decreto do plurilingüismo antes de que o aprobe o Consello da Xunta.

Segundo estas informacións, o informe alerta de "visos de ilegalidade" sobre algúns preceptos do decreto.

O PP segue na soidade máis absoluta na súa defensa do decretazo contra o galego, que é a maior agresión contra a lingua galega en toda a historia da Autonomía. O que transcendeu deste relatorio é un correctivo durísimo ás ilegalidades contra o galego por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ", conclúe.

Segundo "A Mesa", á Xunta só lle queda un camiño serio para tomar, "a retirada do decretazo e a dimisión ou cesamento do conselleiro de Educación, para retomar o camiño do consenso que nunca se debería abandonar".

A organización que preside Callón considera que manter o proxecto "sen ter en conta" os ditames da Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Consello Escolar de Galicia e o Consello Consultivo supoñería "profundar unha brecha social gravísima, con consecuencias nefastas para a convivencia e para o futuro da cultura galega

"A Mesa" lembra a manifestación do próximo luns convocada pola plataforma "Queremos Galego" e anima a todos os cidadáns a acudir "para defender a lingua galega".