AXENCIAS | SANTIAGO
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborarán no intercambio de información sobre recursos sociolingüísticos e na visibilización de recursos de interese en lingua galega.
Nunha reunión celebrada onte na sede do CCG en Santiago, o titular do departamento autonómico, Jesús Vázquez, e o presidente da institución cultural, Ramón Villares, subscribiron "o primeiro" acordo de colaboración desta natureza impulsado por ambas as dúas entidades autonómicas.
Con vixencia ata finais do presente ano 2010, o protocolo establece que a Xunta e o CCG promoverán a visibilización de recursos en galego a través das súas respectivas webs.
Así mesmo, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), dirixido polo académico Henrique Monteagudo, ofrecerá os recursos documentais necesarios na actividade da Secretaría Xeral Política Lingüística e, sobre todo, na Rede de Dinamización Lingüística Local, da que formará parte.
O departamento dirixido por Anxo Lorenzo, pola súa banda, apoiará a dixitalización e o procesamento dos principais recursos documentais históricos que leve a cabo o CDSG.
Neste marco de colaboración, ambas as dúas institucións impulsarán a realización dos Encontros para a Normalización Lingüística que buscarán, cada ano, "promover a formación de técnicos" neste ámbito.