A Universidade da Coruña (UDC) é a impulsora e responsable da edición do primeiro dicionario de química en galego, que se publica no Ano Internacional da Química cunha tirada inicial de 500 exemplares. O volume, realizado por Antonio Juan José Guillín Fraga, Antonio Varela Caamaño e Ramón Vilalta López, consta de 7.000 entradas e un glosario con 200 palabras, ademais de anexos con información complementaria, como a táboa periódica. O Dicionario de Química xa se pode reservar en librerías e inclúe nas súas 456 páxinas as últimas actualizacións na nomenclatura a nivel internacional, explicou onte en representación dos autores Ramón Vilalta, que presentou a obra xunto ao director do Servizo de publicacións da UDC, Fernando González, ao vicedecano de Química na Facultade de Ciencias, Moisés Canle; e á directora do Servizo de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín.

A elaboración da obra contou co asesoramento lingüístico e terminolóxico do Servizo de Normalización Lingüística da universidade coruñesa. A súa directora, Goretti Sanmartín, confiou en que o texto contribúa a que o galego "sexa unha lingua normal" ao facilitar o seu uso aos docentes que precisen unha referencia para determinados conceptos ou aos que atopan dificultades no uso da lingua galega porque non foron formados nela.

"Non imos caer a estas alturas en dicir que un dicionario vaia facer que se use máis o galego. É unha cuestión de vontade persoal, de compromiso coa lingua", explicou Sanmartín, quen afirmou non posuir datos novos acerca do uso do galego na institución académica coruñesa, pero sí sostivo que "non é equiparable" ao do castelán nin ao uso do galego na sociedade. "Xa sabemos que o galego está enfermo e as institucións públicas temos que estar na vangarda para conseguir o equilibrio", sostivo Sanmartín.

A directora do servizo asegurou que as definicións son "moi rigorosas" xa que, apuntou, a súa elaboración contou con asesoramento "do ámbito da química e da lingua galega". Sanmartín considerou que o volume non só servirá para especialistas e amosouse confiada en que o texto se convirta nun manual de referencia para os estudantes de Secundaria.

O coautor e coordinador da obra, Ramón Vilalta, defendeu o galego como lingua apta para a ciencia e criticou as "creencias infundadas" que o rexeitan para determinados ámbitos, creencias das que "vive" o decreto do plurilingüismo da Xunta, sostivo. Vilalta citou a Galileo para afirmar que a linguaxe da natureza son as matemáticas, de xeito que calquera outra lingua que fale dela ten que traducirse das matemáticas e, por tanto, "todas son válidas". "O galego non ten ningún defecto", sentenciou.

A elaboración do Dicionario de Química comezou en 2003, lembrou o seu coordinador, quen relatou as dificultades con que se toparon os responsables do volume, ao que afectou dende a crise económica ata unha actualización a nivel internacional da nomenclatura que obrigou a revisar "a fondo" todo o traballo para que, cando vise a luz, tivese anos de vixencia e non quedase desactualizado en poucos anos.

O responsable de publicacións da UDC asegurou que continuarán nesta liña. "Estamos decididos a seguir con esta política, tamén desde outros ámbitos, non só investigadores da propia institución, e sempre con vocación de servizo público", asegurou González, e sinalou que o libro xa se pode reservar en librerías e que acaba de comezar o proceso de reparto.

O vicedecano da Facultade de Ciencias calificou de "orgullo" que os tres autores do Dicionario de Química sexan antigos alumnos do seu centro e que a UDC financie obras como a presentada onte na Maestranza. Canle defendeu a publicación do libro como "a mellor celebración" do Ano Internacional da Química: "É unha celebración durable, non como unha conferencia ou unha exposición, senon que pode durar decenas de anos ou máis".

Carencias na formación

Vilalta amosouse crítico coa organización da ciencia no ensino. O docente denunciou que a Química "é unha das asignaturas que, sen saber por qué, hai que dar en castelán" e xulgou "triste" que, dacordo co actual modelo educativo, sexa posible "acabar unha carreira de ciencias sen ir a un curso de Física". Vilalta criticou "cousas como que nalgúns institutos é incompatible coller as asignaturas de Física e Química nun mesmo curso e que o Bacharelato xunta Física e Química nunha mesma materia de catro horas semanais".

Vilalta afirmou que a formación científica en España "é un problema estructural, non de agora" e que, por circunstancias, "en Galicia aínda máis", e alertou de que esa carencia educativa "repercute na formación como cidadáns". O coordinador do Dicionario de Química comparou o tratamento das materias de ciencias no ensiño español co de Finlandia. Mentres que aquí se pode rematar o Bachillerato, pola opción de ciencias, con 64 horas de Física en 2 anos, os estudantes fineses deben cursar 304 horas obrigatorias desa materia.