Imaxe e música para Díaz Castro

O Consello da Cultura homenaxea ao autor nun concerto no que se musicará 'Penélope' - A TVG difundirá dúas pezas audiovisuais

10.05.2014 | 00:35

O Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea a Xosé María Díaz Castro -a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas- no seu concerto das Letras Galegas, que se celebrará o vindeiro 16 de maio. Esa cita musical suporá a estrea absoluta dunha peza que lle pon música a Penélope, o poema máis célebre de Díaz Castro (Un paso adiante e outro atrás, Galiza/ e a tea dos teus soños non se move..., comeza). "É unha cita coa poesía, coa música e coa palabra" asegurou Ramón Villares, presidente do CCG, na presentación, que tivo lugar no Círculo das Artes da cidade de Lugo.

A Real Filharmonía de Galicia será a formación encargada do concerto e contará coa participación do grupo vocal Sólo Voces, fundado en Lugo en 1992, e o Collegium Compostellanum, creado en 1988 por Maximino Zumalave. Foi este último, que dirixirá o concerto, quen quixo destacar "o exemplo de traballo conxunto de diferentes institucións".

Penélope é o poema máis editado e traducido de Díaz Castro, incluído no Poemario Nimbos, no que o homenaxeado polo Día das Letras Galegas denuncia a pasividade do país. - agora estrearase a versión musical da peza, que responde a un encargo do CCG. Sobre este coñecido texto, o compositor galego afincado en Nova York, Octavio Vázquez, creou unha obra para coro e para orquestra.

O habitual concerto que o Consello da Cultura Galega organiza con motivo do Día das Letras Galegas terá lugar este ano en Lugo, por ser o lugar de orixe do homenaxeado desta edición, Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, Lugo, 1914-Lugo, 1990).

Tamén onte, a Consellería de Cultura presentou a difusión pública da obra de Díaz Castro con dúas pezas audiovisuais realizadas a partir dos versos do escritor.

Os traballos, que se emitirán na Televisión de Galicia (TVG) durante este mes de maio, foron presentados esta mañá pola directora da canle autonómica, Rosa Vilas.

Ademais, haberá microespazos animados para promover a lectura do autor, que se basean en versos de dous poemas, pertencentes ao poemario Nimbos: o propio poema homónimo, Nimbos, e Esmeralda, ao que se lle deu un enfoque máis infantil para dirixilo á poboación máis nova. Segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, "non se trata de pezas explicativas de carácter pedagóxico, senón de propostas visuais para animar os espectadores á lectura deste autor, abrindo boca con algúns dos seus versos e acompañados de imaxes suxestivas" da exposición 51 páxinas dás nosas letras, que se exhibe na Delegación da Xunta en Madrid-Casa de Galicia ata o próximo día 30.

A exposición, impulsada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega (RAG) e da Xunta, forma parte da colección da cámara galega e consta dun total de 51 medallas en baixo relevo das caricaturas das personalidades ás que lles foi dedicado o Día das Letras Galegas, dende que fose instaurado en 1963, así como paneis e diferentes tipos de material informativo sobre os 51 autores homenaxeados ata o momento.

As medallas son obra do escultor Manuel Ferreiro Badía e foron feitas a partir dun debuxo de Siro López.

Lotería del Niño 2017

Comprobar Lotería del Niño

Toda la información de la Lotería del Niño. Comprueba los números premiados con nuestro widget de la Lotería del Niño.

 
Widget Lotería del Niño

Llévate a tu web, a tu escritorio o a tu iGoogle los resultados de lotería de Navidad y de la lotería del niño. Descárgatelo

 
Enlaces recomendados: Premios Cine