Resulta de agradecer que o panorama musical galego da música de raíz ofreza diversas propostas de interese que provoquen que exista unha renovación nas candidaturas elixidas polos sete membros do xurado nesta décimo cuarta edición.

A única que xa sabe o que é estar entre os finalistas do premio, e gañalo como compoñente de Berrogüetto, Nordestinas, Espido e coa súa ópera prima como solista, é a valiosa Guadi Galego, un nome sobranceiro na música do país.

O seu novo paso en solitario é unha obra con varias derivas estilísticas na que exerce claramente como unha cantautora que se move con soltura en diferentes rexistros servidos con esa personalidade musical que tan ben coñecemos. A cedeirense fai pleno, xa que logrou tres candidaturas, entre elas a de mellor canción con Mergullei, que foi o tema que escolleu para que fose o adianto nas redes sociais do seu álbum.

O trío TRIM aparece co seu debut discográfico, pero dous dos seus compoñentes xa teñen experiencia á hora de ser finalistas. O galego Fernando Barroso e o luso Luís Peixoto lográrono co disco a dúo Pop e co trío Assembly Point, co que o portugués acadou o galardón á mellor peza orixinal coa súa composición Jumping Bits. Agora este dúo artístico une as súas forzas co gaiteiro Pedro Fariñas para formar a nova banda, que logrou meterse nos apartados de mellor disco e canción, co tema composto entre os tres membros da formación que aparece comezando a obra.

Os demais artistas que aparecen son novas incorporacións na lista de finalistas dos premios. Magín Blanco fai historia ao ser o primeiro músico que logra meter un disco de música infantil entre os elixidos e ademais reforza o éxito coa súa presencia como posible gañador do mellor artista do ano, algo para o que tamén puido influír na decisión a súa presencia como compoñente da exitosa familia María Fumaça, seguindo no universo da música para nenos, que sacou o segundo disco o ano pasado. Blanco principiou a ser coñecido pola súa participación no grupo rockeiro La Rosa. No ano 2010 publicou A nena e o grilo e dende ese momento móvese na música infantil, mais sempre feita coa idea de que os adultos poidan gozar tamén con ela.

O talentoso zanfonista Germán Díaz, radicado en Galicia hai unha década, realizou un traballo peculiar co Método Cardiofónico, que lle proporcionou unha dobre candidatura, a súa persoal e a de mellor álbum. Díaz xa actuou na gala dos premios, mais nunca lograra colocarse entre os elixidos. Este ano vai competir novamente por estar na vindeira elección dos máis destacados, xa que saca ao mercado o disco de Oh Trío.

Outro ao que tamén debemos incorporar ao capítulo dos pioneiros na historia do galardón é a Pablo Rial, xa que foi escollido polo seu labor como director do Coro Tradicional Cantares do Brión, sendo a primeira vez que un traballo desas características aparece reflectido entre os posibles vencedores.

No apartado de mellor canción conseguen meterse creacións do solista Anxo Lorenzo e o grupo Lulavai. O gaiteiro leva xa bastantes anos de traxectoria, aínda que non realizou moitos traballos discográficos. Movéndose na onda da música celta, o artista creou Confuxon, e precisamente é a peza homónima a que logrou o beneplácito do xurado para ocupar un lugar entre o póker de finalistas. Quizais este recoñecemento o axude para lanzarse máis á composición propia de cara ao futuro.

Pola súa banda, o cuarteto vigués de arpistas e cantantes Lulavai logrou o nomeamento cunha canción composta por Paula Oanes, unha das integrantes da banda. A formación editou a finais do ano pasado o seu segundo, titulado Lémbrame un soño, no que realizan bastantes temas propios.