Varios exemplares de diferentes coleccións da editorial Bibliófilos Galegos, como Biblioteca de Galicia, Colección Obradoiro, Bibliófilos Galegos ou a denominada Enciclopedia Galega integran unha mostra con máis de 70 libros e documentos na Cidade da Cultura que supón unha homenaxe a este proxecto cultural por parte da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

A mostra xurde para divulgar o labor a prol da cultura e a lingua que fixo a editorial na posguerra, e que naceu de intelectuais como o homenaxeado no próximo Día das Letras galegas, Filgueira Valverde.

Bibliófilos Galegos fundárona en 1949 en Santiago un grupo de persoas ligadas ao Seminario de Estudos Galegos, entre eles Sánchez Cantón -que foi o primeiro presidente-, Marcelino Branco da Pena -vicepresidente- e o literato Filgueira Valverde. Tamén outras figuras participaron no proxecto, como Valentín Paz Andrade, Isidro Parga Pondal, Cruz Gallástegui, Ramón Baltar, Ricardo Bescansa e Francisco Fernández del Riego.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación que esta mostra, que estará aberta e con entrada de balde ata o 31 de maio, pretende ser "unha homenaxe" a este proxecto cultural, que ademais de recuperar clásicos e publicar novos textos, desenvolveu unha tarefa de recuperación do labor editorial e cultural de acento galeguista.

A escritora e presidenta da Fundación Bibliófilos Galegos, Araceli Filgueira, fixo un repaso pola transcendencia da editorial, fundada "dous anos antes que Galaxia". Destacou na presentación que naquela época -a posguerra- houbo un "verdadeiro baleiro" para as publicacións no idioma galego.

O acto contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Filgueira Valverde. A presidenta da editorial animou a visitar a exposición que mostra as "bases" da mesma e o seu "continuo desenvolvemento" no tempo.

Xosé Filgueira Valverde é autor dunha extensa produción científica cun total de 2.136 publicacións, ademais de 4.533 intervencións en cursos e conferencias.