Asegura que se non se toman medidas, o futuro da lingua galega será similar á dun enfermo que non recibe a medicación necesaria -"é complicado que remate curado, o normal é que non lle vaia ben"- e ten claro que para preservar a saúde do idioma de Galicia é preciso que "todo o mundo reflexione", desde a cidadanía ata as administracións, os poderes públicos e mesmo a propia universidade. O director do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro, foi o encargado de asinar -en nome de todo o departamento- o manifesto conxunto cos departamentos de Filoloxía Galega das universidades de Santiago e Vigo para alertar sobre a "preocupante" situación que vive o galego cun retroceso continuo de falantes.

-Cal foi o detonante para que as tres universidades asinen un manifesto en defensa do galego?

-O primeiro que hai que matizar e que non é un manifesto das tres universidades, qué máis nos gustaría aínda que se cadra si o asinarían, senón dos tres departamentos. É algo que xa hai tempo que se está xestando porque a universidade ten unha función crítica na sociedade e ten que facer unha chamada de atención cando o cre necesario. Nos tres departamentos somos unhas cens persoas que aprobamos este texto como unha chamada de atención a sociedade, as administracións e os poderes públicos pola preocupante situación que vive o galego.

-Cal é a situación da lingua galega na actualidade?

-O documento tenta que todo o mundo reflexione porque se aprecia un retroceso polo inclumplemento do Plan de Normalización Lingüística e especialmente desde a aplicación do decreto de plurilingüismo. O Plan de Normalización establece un mínimo do 50% das materias en galego e co decreto, no mellor dos casos, impártense o 30% das asignaturas. Ademais, na realidade hai centros que non chegan nin o 20 nin o 10%.

-O Goberno da Xunta suspende, polo tanto, en política lingüística?

-A lingua é de todos, pero son os poderes públicos os que por lei teñen que tomar medidas para garantir os dereitos das linguas. Está claro que se nota unha reducción drástica na defensa e promoción da lingua galega. No ano 2008, o departamento de normalización lingüística da UDC recibía 90.000 euros desde a Xunta e agora, só recibe 20.000.

-Que cifras manexan noutras comunidades con lingua propia?

-En Galicia, as tres universidades teñen 60.000 euros da Xunta para normalización lingüística -20.000 cada unha- mentres que no País Vasco reciben dous millóns de euros. Na comunidade galega traballan catro persoas na área de normalización das tres universidades, mentres que en Valencia, por exemplo, son 30. Están a desmantelar a industria cultural, hai cartos para todo menos para garantir a defensa da lingua propia.

-Feijóo asegura que só o 20% das clases na universidade se imparten en galego...

-Si, segundo diferentes estudos, o índice das clases en galego está sobre o 20%. Por iso, este documento tenta ser un chamamento á reflexión non só á administración senón tamén á propia universidade porque ésta é reflexo do que ocorre na sociedade. De todas formas, a Xunta nunca quiso lexislar sobre o uso do galego na universidade, ó afirmar que son autónomas.

-Que responsabilidade teñen as familias en que cada vez menos rapaces falen galego?

-É responsabilidade de todos, pero o uso de idioma como outras cousas como a preservación do medio ambiente. De calquer modo, para min, a maior responsabilidade é daqueles poderes públicos que teñen que velar pola situación do galego, que se vai degradando. E como o que fai unha casa onde non é legal, é só culpa del ou tamén de que non velou para que non se construíse? Eu quixen que os meus fillos estudiasen en galego e non o conseguín e agora ocorre o mesmo cos meus netos. Agora din que Matemáticas non se pode impartir en galego, non sei por que...

-No documento falan de que incluso pode ser que o galego pase a ser "unha lingua extranxeira" en Galicia...

-Trátase dunha referencia a unha frase de Rosalía similar e coa que tentamos explicar que non pode ser que os galegos teñan a lingua galega como algo alleo.

-Que solucións propoñen para mellorar a situación da lingua galega?

-Non nos corresponde a nós dictar as medidas a tomar, simplemente reclamamos á administración que actúe a prol da normalización lingüística e cumpra coas súas obrigas legais e non que siga como agora, que sempre están a disminuír o galego para favorecer o castelán. Se non se toman medidas, o futuro do galego será coma o do enfermo que non toma os medicamentos necesarios. Non lle vai ir moi ben.