María do Carme Kruckenberg Sanjurjo faleceu onte en Vigo aos 88 anos. A prolífica escritora galega, que arrastraba unha longa enfermidade, dixo adeus na cidade que a viu nacer e na que desenvolveu gran parte da súa extensa obra, que conta con decenas de títulos, tanto en galego como en castelán, e na que a poesía tivo sempre un lugar predominante.

Autora igualmente de diversos textos narrativos, traducións e obras colectivas, Kruckenberg deixa un inmenso legado literario que lle fixo valedora de multitude de distincións públicas. Ademais de ser recoñecida coa Medalla de Galicia e coa Medalla Castelao, recibiu o premio Laxeiro en 2011 e foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade da que foi vicepresidenta.

Obra intimista

Integrante da chamada Promoción de Enlace, Kruckenberg Sanjurjo está considerada como unha das máis destacadas escritoras galegas de posguerra. A súa obra caracterízase polo intimismo e pola súa inclinación cara ao popular. Empezou a compoñer versos aos 14 anos e pronto se sentiu atraída por Antonio Machado, Rilke, Baudelaire ou Rosalía de Castro.

En 2011 presentouse a súa biografía, Vivir, unha aventura irrepetíbel.

Os restos mortais da escritora galega foron trasladados ao tanatorio de Pereiró, en Vigo, onde terá lugar o seu enterro. Recibirá sepultura ao longo do día de hoxe.