O cruceiro de Melide, considerado o máis antigo de Galicia -data do século XIV- e parada obrigada para todos os peregrinos que elixen o Camiño Francés, estáse a ver inmerso nunha polémica debido ao uso que del se fai durante as festas. Veciños e distintas institucións locais denuncian o maltrato que se lle deu ao cruceiro ao longo dos últimos 17 anos durante a celebración do San Roque (semana central do mes de agosto) e, puntualmente, coas festas do Carme (16 e 17 de xullo), ó colocar grandes estructuras, autofalantes ou mesmo facendo maniobras con camións ao seu carón. Pola súa banda, o área de Patrimonio da Xunta afirma que, tras abrir dilixencias informativas sobre o caso, "non se acreditou ningún dano material" no cruceiro.

Algúns veciños, coma Xesús Manuel Mosquera, quéixanse de que tanto "o Concello como as comisións de festas véñen instalando os escenarios móbiles de orquestras, bandas de rock e demais grupos musicais contratados ao carón do monumento". Situado no centro da vila, ao lado da capela de San Roque, o monumento vese exposto nestas ocasións "ás vibracións dos autofalantes, ao botellón que se celebra no seu pedestal e arredores, así como á retirada de luz por parte da iluminación pública", engade Mosquera.

Este melidense pon de exemplo as medidas que se tomaron nas pasadas festas de María Pita da Coruña, onde se retirou un escenario na praza de San Nicolás por incumplir a Lei de Patrimonio ao estar preto do cruceiro e incluso invadir parte do seu pedestal, para denunciar a situación que está a vivir o cruceiro da súa vila.

A montaxe de camerinos pechando o cruceiro ou o seu deficiente acordoamento cunha cinta da Policía Local son outros dos exemplos que da este veciño de Melide para denunciar unha situación que, segundo el, "constitúe un motivo de preocupación para calquera persoa que dispoña dun mínimo de sensibilidade cara ao patrimonio que nos define como pobo e, por obriga, cara aos representantes públicos democraticamente elixidos".

Unha opinión que comparte o director do Museo Terra de Melide, Xosé Manuel Broz, quen engade ademáis "o perigo constante de caída debido ao seu tamaño, ruptura ou roubo" ao que se expón constantemente a cruz, a única peza orixinal do cruceiro.

Por isto, Broz aboga porque se "debería facer unha copia e colocar o orixinal no Museo, por exemplo, ou dentro da capela? expoñelo baixo cuberta e custodiado, pola súa importancia histórica, como se fai noutros lugares do mundo". O melidense sinala que o organismo que preside "está disposto a acollelo nas súas salas, que de momento sería o lugar máis axeitado para a súa custodia, xa que dispón de alarma e abre todos os días, polo que estaría custodiado e exposto ó público, algo que é barato é doado facela cos métodos de copia modernos".

Tanto o Museo como Xesús Manuel Mosquera puxeron en coñecemento da Consellería de Cultura a situación, pero só recibiron "unha resposta institucional" na que afirmaban ter pedido ao Concello "que adoptase as medidas oportunas para salvagardalo".

Dende o departamento de Patrimonio da Xunta explican que "se abriron unhas dilixencias informativas, entre as que consta o contacto co concello para definir unhas condicións mínimas de seguridade e, finalmente, non se acreditou ningún dano material concreto".

Con respecto á posibilidade de facer unha copia da cruz, dende a Xunta sinalan que, ao estar considerada como un ben de interese cultural, "está suxeito á lei de protección do patrimonio cultural de Galicia, mediante a cal se indica que un inmoble destas características 'é inseparable do seu contorno e non se poderá proceder ó seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social', pero nunca por circunstanciais ou de comodidade".

Como consecuencia, o goberno galego explica que "no seu momento o Concello deu traslado da proposta de retirada da cruz e a localización dunha réplica, pero que non se estimou que existisen os datos suficientes para xustificar a proposta e, en aplicación da lexislación vixente, non se estima conveniente o seu traslado".

Con todo, dende o departamento de Patrimonio comprométese a tomar esta proposta en consideración, se "da investigación ou novos estudos exhaustivos se acreditase que esta é a única solución viable para a súa salvagarda".