O Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, do Ministerio de Cultura, leva este ano o nome do rianxeiro Gonzalo Hermo (1987), pola súa obra en galego Celebración, editada por Apiario. O xurado destacou do poemario "a aposta por abrir novos camiños para a expresión poética", "a linguaxe arriscada e innovadora".

-Sorpréndame, como lle notificaron que gañara o premio, vía teléfono, e-mail

-Entereime por unha chamada perdida dun número raro. Marquei e era o secretario de Estado. Deume algo de impresión. Non acabo aínda de crelo. Sigo en estado de shock.

-Xa entrando en materia, vostede, de cativo, tiña a arela de ser mestre ou poeta?

-Non o tiña moi claro. Non sei se quixen ser poeta, como profesión. Sabía que non se podía vivir disto, inda que con este premio vaime caer unha cantidade importante de diñeiro.

-Como foron as súas orixes literarias, como creador?

-Empecei bastante novo a escribir. Lía a Rosalía de Castro de adolescente e impactoume. Cando empece a escribir poesía facía de forma tímida, ninguén o sabía. Era un secreto, como se escribise un diario. Ao chegar á universidade, coincidín con poetas e xa o dei a coñecer.

-Que lectura de Rosalía foi a que o engaiolou?

-Sen dúbida, Follas Novas. O que sentía Rosalía conectaba con esa angustia adolescente que eu tiña. Sentía que Rosalía me falaba ao oído.

-Disfruta sendo profesor?

-Empecei en setembro deste ano. É bastante duro. Poñerte diante de 40 ou 50 persoas a falar é duro pero enriquecedor. Teño un contrato de doutoramento co Instituto da Lingua Galega (ILGA) de Santiago e estou dando docencia na Facultade de Filoloxía. Dou moitas clases, de Literatura, Lingua...

-Fáleme un pouco do seu doutoramento, cal é a liña das pesquisa?

-A tese trata de editar un libro medieval en galego que está na Catedral de Santiago. É un libro de tenzas, de propiedades. Está escrito en galego e tamén en latín. A nivel lingüístico é interesante e tamén é importante pola onomástica. Hai vilas que aparecen por primeira vez rexistradas. Quero dicir que é o rexistro máis antigo editado que se coñece dos nomes dalgúns lugares. A directora da miña tese é ana Boullón e foi a partir dela que atopei este códice.

-A editorial resalta do libro gañador, Celebración

-É un libro que foi escrito nunha etapa de crise vital, un tempo no que tiña presente a idea de cambio. Intenta ser poemario optimista. Penso que nas etapas vitais non hai que ter medo dos cambios nin ter nostalxia polo pasado.

-Algunha xente prefire ter sempre o ollo e a memoria no pasado e no pesimismo. Vostede propón todo o contrario.

-É complicado pero é a actitude vital que hai que ter. Eu son unha persoa con mala memoria. Olvido tanto as cousas boas como as malas. Calquera tempo pasado foi peor.

-Que diagnóstico realiza vostede da saúde poeta galega?

-A literatura gallega brilla na poesía dende o Medievo. O sector editorial, hoxe en día, non dá resposta a toda creatividade que hai. Isto está relacionado coas poucas vendas. En canto ós lectores, a poesía interesa a pouca xente pero a esa xente interésalle moito.

-Voulle plantexar algo hipotético. Imaxine que hai un incendio que ameaza tódalas obras poéticas. Dígame tres que salvaría.

-(Silencio reflexivo) Non sabería que dicir. Os Cancioneiros medievais galego-portugueses, sen dúbida. Despois, algo de Shakespeare habería que salvar. E tamén as obras de Dante.

-E en galego?

-Os Cancioneiros medievais, as obras de Rosalía de Castro e a Cunqueiro.

-Agora, algo máis terrenal, sabe que vai facer cos cartos do premio?

-Comprar un coche, que é algo que quería ter. Tamén farei unha festa cos amigos. O que quede, vou gardalo porque o futuro é incerto. Teño contrato ata 2017. Despois, o abismo. Non hai trazas de que continúe dando clase. As cousas están fatal.