O debuxante coruñés Miguelanxo Prado, un dos grandes ilustradores deste país, que mesmo conta no seu palmarés co Premio Nacional de Cómic 2013, recoñece estar abraiado pola escasez de viñetas en galego. "Custoume acabar de dixerir e aceptar algo tan simple como que os meus propios libros estaban editados en doce ou trece línguas e, curiosamente, non en galego, e nese caso non estamos a falar dunha tradución. Se xa nos referimos aos clásicos, por así dicilo, é difícil de entender", destaca Prado.

O director do salón do cómic Viñetas dende o Atlántico comenta que, por unha banda, esta situación "é unha boa mostra de onde temos un dos problemas en Galicia", en referencia ao sector editorial. "Temos autores e público lector, pero non temos normalizado o sector editorial. En principio é estraño, porque a nosa situación non é diferente á de outros países con mercado ou poboación pequena, como por exemplo Finlandia, onde si existen editores de cómic en finés", sinala.

O debuxante sospeita que, por unha banda, trátase de comodidade "xa que é un mercado máis reducido que o dos lectores en xeral", polo que os editores prefiren editar directamente en castelán e os que mercan logo a edición en galego o fan só "por unha estricta razón de militancia cultural". Para o coruñés, a razón final está clara: "As ventas non xustifican o esforzo".

Miguelanxo Prado lembra unha operación que levaron a cabo as diferentes editoriais do grupo Anaya en Galicia, Cataluña e País Vasco nos anos 90, que compraron os dereitos dun bo número de cómics do mundo enteiro dirixidas ao público infantil e xuvenil, para traducilas. "Curiosamente, polo que eu cheguei a saber, a edición galega era a única que daba resultados positivos, pero a operación para Anaya en castelán non era interesante, e en catalán e euskera tampouco funcionaba", comenta. "Supoño que aí o problema foi que xusto nese nicho de mercado, o ensino, Xerais era quen mellor posicionada estaba. Cando os libros van entrando como lecturas recomendadas ou obrigatorias en Secundaria, iso vai creando unha dinámica de ventas positiva que favorece a edición. Como o cómic nunca entrou nese plan de lectura recomendada, tiña que defenderse a pelo, polo que aquela operación impulsada por Anaya, quizáis a máis seria, fracasou", apunta.

Houbo outro intento de entrar no circuito do ensino cunha edición en galego, pero feita por unha editorial mallorquina, do Maus de Art Spiegelman, merecedor dun premio Pulitzer e considerado como un dos mellores cómics da historia, pero que tamén fracasou. "O que acontece é que as editoriais prefiren facer unha noveliña e que a poñan os profes como lectura e ter resultados inmediatos; é un tema económico", advirte.

O feito de que os actuais lectores de cómic se criasen lendo en castelán tamén fai que a lectura deste formato en galego non sexa atractiva ou, como pouco, resulte rara. "Cando a TVG comezou a emitir en galego, tamén nos estrañaba ver unha película de vaqueiros falando nese idioma. Pero como había vontade política, os espectadores adultos fómonos afacendo e normalizouse esa relación, de maneira qie a xente nova xa establece esa relación de maneira natural. Á famosa xeración Xabarín, por exemplo, non lle resultaba raro escoitar a Son Goku ou ás Tartarugas Ninja en galego", engade o debuxante coruñés.

Para Miguelanxo Prado, trátase dunha ecuación que ten pouca solución. "A única posibilidade pasaría polo voltar ao que fixo no seu momento Anaya: que algún grupo edotorial grande desenvolvera unha operación multilingüe. Pero, incluso nese caso, saben que unha das edicións vai perder número de exemplares vendidos porque non se duplican, salvo os románticos", comenta o debuxante coruñés, quen destaca que, mesmo na literatura en xeral, "hai pouquísimo traducido, e as máis das veces son clásicos que teñen os dereitos liberados e soamente hai que facer o libro".

A posible solución que dá Prado ten que pasar, "forzosamente, pola complicidade dos pais". "É fundamental, xa que este é un tipo de compra de arriba para abaixo, nunca un neno vai pedir unha edición en galego", conclúe.