Unha nova aplicación informática permitirá ás familias elaborar cartas de resposta personalizadas para os máis pequenos da casa elaboradas polos Reis Magos en galego. Esta ferramenta, dispoñible na web www.lingua.gal e elaborada pola empresa Balidea en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrece a posibilidade de que os nenos perciban a importancia do idioma xa desde unha idade temperá, vendo "que é a que usan Melchor, Gaspar e Baltasar".

Tras introducir na páxina web diversos datos como o nome, a idade ou diversos aspectos e actitudes que debe mellorar na súa vida ou na escola, a ferramenta xera unha carta tipo xa redactada e personalizada para o pequeno asinada polos sabios de Oriente.

A propia ferramenta explica nos tempos verbais nos que se debe cumprimentar o formulario para que se xere correctamente o texto de forma automática, que logo se pode tanto imprimir como enviar a través de correo electrónico.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou onte que se trata dun "recurso histórico", dado que "por primeira vez" os Reis Magos contestarán en galego ás peticións dos pequenos da casa, cunha resposta na que As súas Maxestades falaranlles do sitio onde viven ou "se se portaron ben ou mal" durante o ano. Búscase así conseguir "unha identificación" e unha implicación de toda a familia con esta relación epistolar, unha ferramenta "aberta" e, por tanto, de acceso libre para toda a cidadanía.

Doutra banda, García lembrou que hoxe se estrea a programación de Nadal en Rede coa iniciativa Cantos Contos non Nadal, do músico Pablo Díaz, en Boimorto e Sobrado dos Monxes.

O ciclo Nadal en Rede acollerá actividades coma música, contos e humor para promover o uso do galego entre os nenos e as súas familias durante o Nadal. Organizado pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, Nadal en Rede levará distintas actividades de promoción do galego a 30 concellos galegos.

O groso da programación estará composto pola música infantil de A Gramola Gominola, os contacontos de Cantos contos de Nadal e o humor do televisivo Isi no seu espectáculo Isistorias de Nadal. Non obstante, os máis pequenos contarán cunha ampla oferta de recursos dixitais aos que poderán acceder de forma gratuíta a través da www.lingua.gal.