Preto de 300 alumnos de varios centros de ensinanza de A Coruña e a súa área metropolitana participaron onte no CIFP Someso nunha nova charla enmarcada no proxecto A Coruña emprende, que busca estimular as capacidades de emprendemento entre os mozos e preparalos para o futuro mercado laboral unha vez saian das aulas. A actividade de onte, na que os estudantes participaron activamente, forma parte dese programa, unha iniciativa promovida de maneira conxunta pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que pretende transmitir e fomentar a cultura emprendedora desde idades temperás desenvolvendo unha serie de actividades de sensibilización e formación entre os alumnos da comarca coruñesa.

A boa acollida da primeira edición deste programa constátase nos centros participantes, posto que volven a repetir os quince do curso pasado. A iniciativa -que entronca co Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia Eduemprende, posto en marcha pola Consellería- achegará a realidade empresarial e o espírito emprendedor a nove IES ou CPI (un por cada concello da comarca); tres CEIP, que coinciden cos municipios de maior poboación; e tres CIFP, que contan con viveiro de empresas.

Por segundo ano consecutivo, participan o IES de Viós (Abegondo), o IES de Sabón (Arteixo), o CPI Cruz do Sar (Bergondo), o IES Alfonso X O Sabio (Cambre) o CPI Vicente Otero Valcárcel (Carral), o IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), o IES Universidade Laboral (Culleredo) , o IES María Casares (Oleiros) e o IES Isaac Díaz Pardo (Sada).

En canto aos tres CEIP, trátase do CEIP Ponte dos Brozos en Arteixo, o CEIP Eusebio da Guarda na Coruña e o CEIP A Rabadeira de Oleiros. Pola súa banda, os Centros Integrados de Formación Profesional con viveiro de empresas son o CIFP Someso, o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto e o CIFP Paseo das Pontes, ámbolos tres situados na cidade coruñesa.

O programa abrangue, en total, a máis de 30 docentes e máis de 500 alumnos de sexto curso de Educación Primaria, de todos os cursos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional. Tanto o alumnado como o profesorado participarán en diversas actividades de formación, tales como xornadas de motivación como a de onte no IES Universidade Laboral de Culleredo, ou charlas e obradoiros sobre o proceso creativo, o marketing online, a translación da idea ao mercado ou a aplicación das TIC neste eido.

Toda esta información serviralle aos participantes para levar a cabo o seu proxecto final, que variará segundo o nivel do alumnado. Os mozos de 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO realizarán unha redacción dunha idea de negocio. Os estudantes que estean a cursar 3º e 4º de ESO elaborarán un pequeno proxecto de empresa e, por último, os alumnos de Bacharelato e Formación Profesional (FP) levarán a cabo un proxecto empresarial.