A coruñesa Mercedes Peón logrou no seu día acceder ao primeiro lugar da lista WMCE e estivo nesa privilexiada situación un par de meses, tamén ocupou o segundo posto, o que resulta moi meritorio e fala do interese suscitado na crítica europea pola súa obra Sós. A cantante é unha artista moi valorada a nivel internacional, onde chama a atención o seu contundente directo e esa mestura que realiza entre a música con sabor tradicional e conceptos máis vangardistas. A súa presencia comandando a listaxe non é máis que unha constatación do seu tirón internacional. A cantante Uxía tamén logrou meterse nunha boa posición logo das votación efectuadas polo xurado, chegando a acadar o sétimo lugar polo labor realizado na obra Meu Canto, que estivo durante dous meses entre as máis votadas. O ano pasado, Método cardiofónico do zanfonista Germán Díaz, quen leva vivindo hai unha década en Galicia, situouse na sexta posición.

Pola súa banda, a ópera prima discográfica de Radio Cos, coas voces de Quique Peón e Xurxo Fernándes, foi quen de se situar no lugar 20.