Dicir Cangas do Morrazo é nomear unhas das vilas de maior tradición mariñeira de Galicia que se remonta moitos séculos atrás. Hoxe seguen a tradición 236 mariñeiros e oito mariscadores e son os protagonistas do programa Ribeiras de salitre, que emite a TVG hoxe ás 15.30 horas.

Un dos mariñeiros é Carlos García, que amosará como se largan as nasas das nécoras. Traballa sempre dentro da ría de Vigo, nesta ocasión fronte á praia de Rodeira. É un entusiasta do seu oficio e con el vaise ver como os naseiro desenvolven un trabalo perigoso porque a nécora cría xunto das rochas e isto fai que teñan que largar as nasas en zona de perigo para as embarcacións.

Lidia García e a irmá de Carlos, e ten un posto na praza de abastos de Cangas, un dos edificios máis relevantes, arquitectonicamente, da península do Morrazo. Lidia conta con esa característica alegría que sempre amosan as peixeiras. Mentres atende aos clientes que van á praza, vai ir contando a súa vida de peixeira. A tradición mariñeira desta ribeira de salitre chegou a mares como o Gran Sol e Terranova onde algúns mariñeiros levaron as gaitas e así naceron Os gaiteiros do mar. Trátase dun grupo de música tradicional formado por mariñeiros xa retirados, pero que no seu tempo no mar non esquecían a súa afección a música en no pouco tempo de lecer tocaban os seus instrumentos nos barcos. Todos eles son da parroquia cangesa do Hío, e o programa irá con eles ata Cabo Home, onde tocarán varias pezas.

E un lugar tan mariñeiro ten que ser tamén un lugar de boas tabernas como A taberna do Jefe, na que Pili Núñez, a propietaria, vai dar de comer ovas de pescada. Ensinará, ademáis, como se prepara este prato tan mariñeiro e contará a historia da taberna, que leva aberta preto de cincuenta anos.

Despois o programa adentrarase no mar con Colón, navalleiro e fotógrafo. Un home moi singular que divide a súa vida entre as súas dúas paixóns: a fotografía e o oficio de mariñeiro collendo navallas. Profesional de ambas tarefas, fotografiará aves mariñas na ría de Vigo.

E cun percebeiro de Cangas o mellor que se pode facer é dar conta dun puñado de percebes de Cíes. O percebeiro é Julio Rajó, que coñece ben todas as rochas das Illas Cíes, onde leva traballando moitos anos.