Cun nomeamento aos María Casares na categoría de Mellor Espectáculo Infantil por Feo!, os integrantes de Caramuxo Teatro, Juan Rodríguez e Laura Sarasola, aseguran estar "moi contentos", xa que se trata do segundo ano consecutivo que optan ao galardón. "Para nós a nomeación xa é un premio en sí, polo que se non cae nada estaremos contentos igualmente", indica Rodríguez, fundador da compañía coruñesa de teatro infantil e familiar no ano 2003.

Ambos contan con experiencia no eido da educación „son licenciados en educación infantil e primaria„ e mesmo chegaron a compaxinar a docencia co teatro nos inicios de Caramuxo. Pero dedicarse por enteiro ás artes escénicas era só cuestión de tempo. "Xa dende pequeno, no momento no que púidenme apuntar á actividade de teatro no colexio, era o primeiro que estaba alí. A verdade é que é algo que levas dentro. E aplicar o tema da educación ao teatro para nenos, era algo que no seu momento me chamaba bastante a atención, e poder chegar a montar unha compañía", explica o actor coruñés.

Son os responsables do primeiro espectáculo para bebés realizado en Galicia „Glub Glub„ pensado para nenos de 6 meses a 3 anos. "En xeral, son espectáculos nos que os nenos están como hipnotizados, porque cando entran xa hai unha iluminación, unha música que está adecuada tamén para que entren nun espacio máis acolledor... Son funcións moi visuais, teñen moi pouquiño texto, como Feo!, e contan pequenas escenas que se estructuran ao final nunha enteira", sinala Juan Rodríguez en referencia ás distintas linguaxes do teatro.

Caramuxo Teatro non so actúa en Galicia, senón que estivo presente en moitos outros puntos de España corroborando que o teatro goza dunha linguaxe universal. "Estivemos hai pouco en Feten, unha feira de teatro a nivel nacional en Gijón, no que representamos Na Casa „tamén para bebés„, e tivemos a sorte de conseguir a R de Espectáculo recomendado pola Rede Nacional de Teatros, e a partir de aí xa están empezando a saír funcións para a próxima tempada. A verdade é que cada sitio ten a súa idiosincrasia e viaxar abre moito a mente, a resposta de cada público é diferente. Por exemplo eu lembro unha función doutra das nosas obras, Zapatos, en Cádiz, onde os nenos eran como moito máis expresivos e ao rato xa estaban dando palmas por calquera cousa", apunta o actor.

A pesar dos bos momentos que deixa esta profesión, os integrantes de Caramuxo tamén notan a crise. "Antes estabamos nun momento no que o teatro en Galicia estaba medrando, cada vez as compañías eran máis grandes, podían facer producións máis grandes, había moitas máis funcións... entón iso permitía ter unha estructura moito máis sólida. Pero agora mesmo, hai unha grande maioría de xente que non se pode permitir vivir do teatro. Porque si que hai funcións, pero a un custe moito menor", lamenta Juan Rodríguez, quen apunta a que "unha das cousas que provocou a crise é que cada vez haxa máis compañías pero máis pequenas, e ao final, é un pouco o que pasa en Galicia a nivel xeral: o minifundio tamén se leva no teatro".

Con todo, o actor coincide en destacar que A Coruña é unha cidade con tradición teatral onde as institucións locais fixeron moito por achegar o teatro á xente. "No teatro familiar, por exemplo, levamos xa un traballo de moita xente que pasou polo Concello e abriu camiño. Eu por exemplo, cando era pequeno, podía ver no Fórum Metropolitano compañías que viñan de Bélxica e de moitos outros países, e podías ver propostas que ao mellor noutros lugares era máis difícil ver, por iso sí que se nota que hai un traballo feito", salienta o coruñés.

Aínda que tamén precisa que "nas cidades é diferente ao que pasa no rural ou o que pasa en pobos máis pequenos, onde o teatro acaba sendo algo excepcional que pasa ao mellor unha vez ao mes ou dúas como moito", polo que deste xeito "tampouco se pode asentar un público".