"É unha alegría ter estes nomeamentos, aínda que expectativas eu procuro non ter ningunha porque despois isto é unha carambola. Son da opinión de que realmente este é un mundo moi vocacional, moi esforzado, así que o premio vai caer ben caia onde caia. A satisfacción xa é ter un traballo, un espectáculo, que logra chegar a esta final". Así resume María Barcala, a cofundadora xunto con Xúlio Lago da compañía coruñesa Teatro do Atlántico, o seu nomeamento a oito das 14 categorías dos próximos Premios María Casares pola obra

O Principio de Arquímedes.

A actriz asegura que a peza teatral „na que se trata uns supostos abusos a menores„ "non foi fácil" pero que cando leron o texto lles pareceu moi interesante "pola forma na que o autor trata o tema, xa que nos expón como ás veces xulgamos un todo co coñecemento só dunha parte dos feitos; fai que o espectador se diga ´ui, adianteime no meu xuízo de valores", comenta.

En Teatro do Atlántico entenden o xénero como "algo fundamental nunha sociedade desenvolvida, porque funciona para o debate e o pensamento", e non como unha mera estrutura de ocio; "nos gusta o teatro que diga algo, que faga pensar, reflexionar e que provoque emocións".Pero non sempre é fácil chegar ao público xa que son moitos os obstáculos cos que se leva atopado a compañía de Culleredo nos seus 30 anos de vida. "Require moito esforzo e moitas ganas, pero é a nosa vida", sinala Barcala. Comprometida coa súa profesión e co país en xeral, a actriz comenta que sempre quixo axudar a"poñer os cimentos dun Teatro Nacional Galego"e por iso espera que algún día chegue a existir. "Realmente ás veces unha ten ganas de parar e apuntarse ao paro pero ao final decides seguir tirando disto; loitar polo futuro", destaca a cofundadora de Teatro do Atlántico.

Falta de contratación, rebaixas dos cachés, desinterese por parte das administracións... son algúns dos cambios que os actores e actrices galegos están a percibir dende hai oito anos."Levo máis de 40 anos en total nisto e vin como se chegaba a un punto interesante en canto ao nivel artístico, de proxección nos medios e ao de produción dos espectáculos. Pero tamén vin que todo ese tecido que permitía un mínimo de estabilidade, de súpeto, por unha serie de circunstancias que atinxen a todo o país, caeu e volvemos a estar a niveis de contratación de moitos anos atrás. E iso é terrible", destaca María. Retroceso que tamén se palpa á hora de querer facer espectáculos en galego, xa que "dende os propios administradores públicos se da como solución á falla de mercado laboral en Galicia facer a versión en castelán, como se tiña que facer hai 40 anos para poder sacalas fóra; pensei que esa etapa estaba superada".

Para que siga sendo posible dedicarse ao teatro en Galicia, a actriz reclama que "se siga tendo en conta o interese do sector como un ben desta sociedade" e que"os administradores públicos dos diñeiros que recadan de todos sigan mantendo o diñeiro que había para isto, que non se vaia para outros lados, porque hai que pelexar polos presupostos do sector". A vontade dos gobernantes de querer axudar é fundamental para un sector tan "castigado". "A cantidade de edificios teatrais que se crearon en Galicia é impresionante pero un teatro baleiro é un absurdo, polo que non ten que ser só investir no edificio, senón tratar de enchelos de contido", sinala.