A proposta deseñada para a gala da décimo quinta edición dos galardóns creados por este xornal presenta o grande atractivo da novidade musical para os espectadores que asistan ao Teatro Rosalía de Castro o vindeiro xoves 12 de maio ás 20.30 horas.

Hai cinco anos naceu a banda Axada, formada por dez músicos, creada especialmente para realizar unha actuación na gala dos premios e nesta ocasión volverán subir ao escenario para deleitar novamente aos asistentes á cerimonia de entrega dos galardóns. Pedro Lamas continúa ao fronte da formación exercendo a dirección musical e como cantante tamén repetirá Begoña Lorenzo. Canda eles estarán no escenario outros oito músicos de alto nivel musical para ofrecer unha interpretación sobranceira.

Lamas exerceu como director musical de Nova Galega de Danza, é compoñente do trío Vaamonde, Lamas e Romero e xunto a Roberto Somoza crearon a Orquestra de Jazz de Galicia, coa que sacaron recentemente un álbum que é finalista nos galardóns deste ano.

No seu debut, os Axada tocaron pezas de artistas galegos que lograran o PREMIO OPINIÓN nalgún momento da súa andaina, cos arranxos elaborados por Lamas. Dende que actuaron houbo unha modificación na estrutura dos galardóns e agora concédese un recoñecemento ao mellor tema orixinal e, polo tanto, esas cancións que venceron nos anos anteriores van ser as versionadas por Axada na súa intervención. Tamén botarán man dun par de pezas xa elaboradas no seu día para completar o repertorio.

Ademais da peculiaridade do seu nacemento e do desacostumado número de compoñentes, esta formación achega a novidade da súa aposta por contar cunha sección de metal potente, con catro compoñentes -hai cinco anos os músicos tocaran saxofóns, trompeta e tuba- o que fai deles un conxunto pioneiro nese vieiro, xa que no folk galego nunca se contara cunha formación desas características.

A recepción do público á súa intervención foi moi cálida e ficaron un chisco abraiados ao escoitalos pola novidade que representaban. O día 12 terán unha nova ocasión para comprobar como unhas versións de temas coñecidos cobran unha nova vida.

A outra proposta da noite virá da man de Xosé Lois Romero&Aliboria, na que será a súa posta de longo para o público coruñés. A teima de Romero en afondar nas posibilidades que ofrecen os instrumentos de percusión galegos é o xermolo desta nova formación musical, que sacará o seu primeiro disco ao mercado o próximo mes. A banda nútrese do alumnado que participou nas clases de percusión dadas polo músico.

A banda está formada por dez músicos. Esta iniciativa musical ten como obxectivo actualizar a percusión tradicional galega, de xeito que se empregará unha anovadora linguaxe creada especificamente para un conxunto de instrumentos de longa tradición. Todos os músicos integrantes da nova formación mesturarán enriba do palco o canto co son da percusión de instrumentos como tambor, pandeireta, bombo, latas, tixolas e sachos. "Todos os instrumentos da música galega, comezando pola gaita, viviron unha evolución, agás a percusión tradicional. Pretendemos que este sexa un proxecto evolutivo, que poida provocar unha revolución no ámbito musical", comenta Romero, músico coñecido por formar parte de grupos como Vaamonde, Lamas & Romero, Nova Galega de Danza ou o cuarteto aCadaCanto. Outro traballo importante na súa traxectoria foi o seu labor como director musical de Fuxan os Ventos cando a histórica formación decidiu volver aos escenarios con Terra de soños.

A gala de entrega dos XV PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz será unha grande ocasión para comprobar como os creadores galegos están a traballar para enriquecer o panorama musical do país ao achegaren novas propostas sonoras que resulten novidosas para o público interesado.

Contar no escenario con artistas diferentes ao xa coñecido é unha das características dunha gala na que ao longo do tempo xa debutaron varios proxectos musicais.