Na súa novena edición o galardón Andaina Senlleira recaeu no músico berciano Amancio Prada. O cantante sempre tivo unha ligazón forte con Galicia e os seus discos Rosalía de Castro (1975) e Caravel de caraveles(1976) son obras fundamentais na historia da nosa música. Prada nunca perdeu ese referente galaico e ao longo da súa discografía volveu incidir en traballos como Lelia Doura (1980), dedicado aos primeiros trobadores galego-portugueses, A dama e o cabaleiro (1987), con textos de Álvaro Cunqueiro ou De mar e Terra (1999).

A figura de Rosalía de Castro sempre está presente na súa creación musical, como se comproba coa edición de Rosas a Rosalía, (1997), coa participación da Orquestra Real Filharmonía, Rosalía siempre (2005) e Resonancias de Rosalía (2014), traballo onde se recollen todas as cancións que realizou sobre poemas da escritora, unha presencia transcendental na súa andaina. O artista subliña que coñeceu a súa obra cando tiña dezasete anos e estudaba en Valladolid. "Sentín por primeira vez o apego á terra, a nostalxia do aire e o campo do meu Bierzo natal. A través dos seus versos volvía a respirar os airiños, aires... E foi aquela emoción a que me levou ao canto. Case sen decatarme comecei a ouvir dentro de min a música daqueles versos e a cantalos. Era como abrir o peito e desafogarme", manifesta Amancio Prada na súa páxina web.