A gala dos premios servirá como presentación na Coruña do proxecto Xosé Lois Romero&Aliboria, baseado na percusión tradicional galega, que editará a súa ópera prima a finais deste mes.

Comenta Romero que a palabra Aliboria non vén nos dicionarios, mais que é empregada na fala popular en certas zonas "e nun principio significa que algo é un desastre", pero gustoulle moito "a súa sonoridade e aí quedou".

-Lidera o proxecto Xosé Lois Romero &Aliboria, no que toca con alumnos seus. Por que foi este o momento axeitado para formar este grupo?

-Levo dous anos con eles e foi un proceso natural vendo como ían evoluíndo as clases e o nivel que tiñan eles tocando. Así foise xestando a idea de que debiamos facer algunha actuación. O convite do grupo Coetus para participar nun proxecto desenvolvido en Galicia foi un momento clave para tirar cara adiante e ver que sería unha boa idea editar un álbum.

-Cantos anos leva pensando nun proxecto deste tipo?

-Bufff, toda a vida. Estes últimos anos exercín como acordeonista, mais eu realmente son un percusionista. Levo cismando moito tempo na posibilidade de realizar algo cos instrumentos de percusión tradicionais do país tocados de xeito contemporáneo, un vieiro ermo na nosa música. Foi retomar algo que tiña parado e para min, no plano emocional, é unha pasada poder facer isto.

-Por que ninguén tomara ese camiño?

-Pois non o sei. É un misterio. Xa a primeira vez que vin a Milladoiro me preguntaba por que tocaban un bodhram e non unha percusión tradicional da terra. En Galicia outros instrumentos foron evoluíndo nestes anos, pero non sucedeu o mesmo coa percusión. Apostamos por facer algo distinto, rompendo os prexuízos que pode haber sobre a percusión tradicional, que é un mundo moi rico e incriblemente variado. Acostúmase a empregala en representacións etnográficas, pero non se considera que teñan máis recursos. Na banda tocamos instrumentos con sons moi distintos que cando están xuntos encaixan perfectamente.

-Non podemos esquecer o valor das voces femininas na banda.

-As compoñentes da nosa formación, ademais de tocar moi ben, cantan de marabilla. Polo momento no repertorio optamos por pezas coñecidas e algún clásico da nosa música, mais sempre interpretadas dende a nosa perspectiva para lle dar outro empaque.

-Finalmente decidiu incluír o seu nome no proxecto, que anteriormente ía chamarse Aliboria a secas.

-Se aparecía o meu nome había xente que podía intuír por onde ían as cousas musicalmente. Algunhas persoas dixéronme que era importante que estivese o meu nome, porque se trata dunha proposta moi persoal.

-Que aprendeu nestes anos dos seus alumnos?

-Esta xeración, a que ten menos de 30 anos, considero que é a máis preparada que houbo en Galicia no que atinxe ao folclore. Teñen un nivelazo que me fascina. Foron formados por profesores de altísimo nivel. Teñen unha absoluta interiorización do folclore e exérceno cunha naturalidade, forza e conviión tremendas.

-Reedítase agora Terra de soños, o álbum de Fuxan os Ventos no que vostede exerceu a dirección musical. Que significou na súa carreira?

-Foi un agasallo. Era un traballo moi importante no que debía arranxar pezas sobranceiras da banda que son coma himnos, o cal é unha responsabilidade grande. Dada a importancia dos Fuxan, cando rematei o traballo pensei: 'Cal é o seguinte paso cara arriba?'.

-Gañaron o PREMIO OPINIÓN o mellor álbum co primeiro traballo de Nova Galega de Danza, no que vostede era o que marcaba o paso musicalmente. Que representou ese galardón?

-Non tiñamos expectativas de poder gañalo e cando nolo comunicaron estabamos, precisamente, nun ensaio do grupo e foi unha alegría sabelo. Teño unha gran lembranza.