O programa Ribeiras de salitre, que emite a Televisión de Galicia (TVG) achégase mañá a Cambados, onde se atopa a confraría máis antiga de Galicia, con seiscentos mariñeiros rexistrados e o legado dun dos portos en activo máis lonxevos da comunidade autónoma. Desta vila, parten 250 embarcacións ao marisqueo a flote, o rastro da vieira, o boliche, o bou de vara, o cerco e outras artes menores. Entre as especies singulares desta ribeira de salitre encóntranse a zamburiña e a voandeira.

O programa de Producións Celta presentado por X. H. Rivadulla Corcón falará con Ruperto Costa, patrón maior de Cambados, que explicará a orixe das confrarías. O espazo da TVG sairá con el ao mar para ver como traballa co rastro para coller ameixa. Outra profesional con verdadeira alma mariña é Loli González, que defende o papel da muller nos traballos do mar. Hoxe vende peixe na praza de abastos, pero durante anos traballou como mariñeira.

Coma ela, Celsa García reivindica o papel do colectivo feminino. Leva anos dedicada ao marisqueo e cociñará para Ribeiras de salitre uns saborosos berberechos. Compañeira de profesión, María José Cacabelos, é a presidenta das mariscadoras de Cambados, quen explicará a importancia que ten esta actividade na vila e como se desenvolve.

O programa da TVG descubriralle tamén ao espectador que a treixadura, ademais dunha uva, é un grupo de música tradicional.