A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reiterou onte o seu chamamento ás familias para estender o "éxito total" do "boicot" á reválida de sexto de Primaria ás probas de terceiro previstas para os días 24 e 25 deste mes, ademais de avanzar accións reivindicativas en contra deste modelo.

Tras chamar á Xunta a "rectificar" e retirar estas probas, un dos voceiros da plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou "moi positivamente" o seguimento das chamadas aos pais para non enviar ao seu fillos a clase durante os exames de sexto, resultando entre un 80 e o 82% de abstención. Para Louzao, este apoio contrasta "co estrepitoso fracaso da imposición das reválidas" por parte do Goberno, ao tempo que tamén están a ter "moi boa acollida" as resolucións nos claustros, nos consellos escolares e as charlas cos pais.