A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un paso máis na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais a través da sinatura dun convenio coa Confederación de Persoas con Discapacidade (Cogami) para o desenvolvemento de accións que van incidir na formación permanente do profesorado e na sensibilización e elaboración de materiais didácticos que permitan un maior e mellor coñecemento das circunstancias específicas asociadas á discapacidade. Con este acordo, a Consellería de Educación reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado con necesidades específicas. O departamento dirixido por Román Rodríguez continúa a traballar na posta en marcha doutras ferramentas de apoio como son o primeiro protocolo integral a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), o protocolo de Espectro do Trastorno Autista (TEA), ou de Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica. Todos teñen como finalidade dar apoio aos centros, aos docentes e ás familias con guías específicas, que garantan unha acción educativa integral que teña en conta a diversidade do alumnado, como establece a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 educonvives.gal.

Ao abeiro deste convenio, a Consellería promoverá a formación permanente do profesorado contando coa colaboración de Cogami no que atinxe ao alumnado con discapacidade.