Varios miles de persoas manifestáronse onte polas rúas de Santiago, convocados pola plataforma Queremos Galego, para reivindicar o legado das Irmandades da Fala, en pleno centenario, e do poeta Manuel María en defensa do idioma, así como o dereito a "vivir plenamente en lingua galega".

Coincidindo co Día das Letras Galegas, a marcha saíu da Alameda compostelana pouco antes das 12.30 horas inmersa nun ambiente festivo, ao son de tambores, seguindo a melodía das gaitas, e encabezados por unha pancarta na que se podía ler o lema O idioma é a vida, verso do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e onde se escoitaron consignas como "En Galicia, en galego".

Alí puidéronse ver representantes das entidades máis activas en defensa do idioma, voceiros políticos e sindicais como A Mesa, Erguer!, Galiza Nova; Bieito Lobeira, Ana Pontón ou Rubén Cela do BNG; Anxo Louzao e Suso Seixo da CIG; Antón Sánchez de Anova e mesmo o propio rexedor municipal, Martiño Noriega. Tamén estaba prevista a participación doutros representantes de EU.

En declaracións aos medios o voceiro da plataforma, Marcos Maceira, valorou esta "xornada festiva e reivindicativa" nun contexto no que a lingua está "excluída da maioría de espazos" a pesar de ser "o elemento de identidade que define ao seu pobo", mentres o Goberno da Xunta se caracteriza "por acción ou por omisión" por "atacar constantemente" este legado con medidas como o decreto do plurilingüismo. Maceira advertiu que o goberno que saia das próximas eleccións autonómicas deberá impulsar "modificacións legais" que sitúen o galego na mesma condición que o resto de idiomas e "se comprometer co Plan Xeral da Lingua Galega", que inclúe actuacións "necesarias" para que o pobo "poida recuperar e reapropiarse" do seu sinal de identidade. Entre elas, mencionou o desenvolvemento da Crtvg como axente de normalización, a derrogación do decreto do idioma, o respecto da toponimia en transportes e vías ou a garantía de atención por parte da administración galega e do Estado, entre outras.

A voceira do BNG, Ana Pontón, trasladou o "orgullo" de que o galego sexa "a carta de presentación ante o mundo", denunciando a "política de escrache" exercida por Alberto Núñez Feijóo a través de "sete anos negros" para a lingua nos que intentou "desafiuzar" o idioma do ensino. Tamén instou a que o próximo martes o Parlamento galego aprobe unha moción presentada polo BNG na que piden que o Goberno galego cumpra as recomendacións trasladadas polo Comité de Expertos e o Consello de Europa polo idioma.

Carlos Callón, expresidente de A Mesa e candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, mostrouse feliz por celebrar o Día das Letras en recordo a "un activista pola lingua" e "un nacionalista", como foi Manuel María, e animou a actuar para que "o inimigo público número un" do idioma, en alusión ao presidente da Xunta, non trate "como leprosos" os falantes do galego. Así, denunciou que segue habendo trabas na Xustiza, na Policía Nacional, a Garda Civil, a Agencia Tributaria, o INSS ou a DGT, ao tempo que contrapuxo o traballo do BNG co dos 23 representantes escollidos nas pasadas eleccións xerais que presentaron "unha iniciativa" vinculada co galego "en cinco meses". "Teríanme que cortar as mans para non presentar iniciativas constantes polo noso idioma".

Tamén presente na marcha, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, animou a recordar que o galego "é algo que conecta coa memoria" e "unha ferramenta útil" que dá "razón de ser para estar no mundo", e pedindo estender a reivindicación do 17 de maio para "sacar a pasear a lingua ao longo do ano".

Por parte de Anova, Antón Sánchez reclamou manter a "autoestima" e "a dignidade como pobo" para deixar o "privilexio" de contar con este idioma "ás próximas xeracións", algo "fundamental" e "un reto enorme" ante as "dificultades" polo descenso de falantes pero ao mesmo tempo "coa esperanza" que achegan distintos segmentos da poboación que continúan impulsando iniciativas de revitalización cultural.

Abundantes imaxes de Manuel María e carteis con versos e frases do poeta evidenciaron a reivindicación do seu espírito e compromiso vital por parte da marcha, que celebrou na Praza da Quintana o acto central da xornada reivindicativa, coa presenza de Xurxo Souto e a actuación musical de Mini Mero, entre outras.

Ademais dun recital colectivo do poema A Fala por parte de personalidades da cultura como Mercedes Peón, Xurxo Souto fixo lectura dunha carta de apoio remitida pola viúva de Manuel María, Saleta Goi, na que destacou que o poeta participou en todas as organizacións e protestas en defensa da lingua que podía, ademais de "cantar nos seus versos" a defensa do idioma. "O espírito de Manuel María está presente nesta manifestación", engadiu, para despois citar os versos o idioma é a luz, que ilumina ou noso ser, renunciar á nosa linga e semellante a morrer.