O 18 de maio de 1916 Antón Villar Ponte reunía a un grupo de personalidades do mundo da cultura no número 38 da rúa Riego de Agua da Coruña para fundar unha agrupación que xogaría un papel esencia a prol da normalización do galego e da renovación da cultura da comunidade. Era o nacemento das Irmandades da Fala, unha entidade que onte foi a protagonista de varias homenaxes na Coruña ao celebrarse o centenario do seu nacemento. O acto da RAG e o Concello foi unha velada musical e literaria no Teatro Rosalía mentres que a Deputación da Coruña optou por unha ofrenda floral xunto a sede que albergou a primeira reunión e no que participou unha filla de dous dos fundadores.

O primeiro acto en lembranza das Irmandades tivo lugar pola mañá na rúa Riego de Agua, xusto onde hai cen anos estaba instalada a sede da Real Academia Galega e celebrouse a primeira reunión. "As Irmandades da Fala cumpren cen anos coas súas ideas aínda pendentes de facerse realidade", sinalaba a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, quen resaltou: "As Irmandades lograron esa unión arredor do idioma", que posteriormente foi "imprescindible para seguir unidos coma pobo e ter o futuro garantizado".

As mulleres tiveron un papel protagonista neste camiño, "cun traballo moi significativo" porque "fixeron súas esas reivindicacións"que hoxe "hai que poñer de actualidade". Entre elas, resaltou Sanmartín, están "a cooficialidade entre galego e español, a igualdade de dereitos entre homes e mulleres e que os galegos sexan donos do seu patrimonio".

Elvira Varela Bao, filla de Bernardino Varela e Elvira Bao, dous membros orixinais das Irmandades dá Fala, comentou durante o acto que se acorda "moito" dos integrantes orixinais e "do traballo que fixeron". "Hoxe temos o que temos, que non é moito pero grazas a eles, que o sementaron. A nós tócanos seguir sementando", asegurou. Elvira lembra que os membros daquela asociación "vivían para iso, para reivindicar o idioma" e "que á xente non lle dese vergoña falalo", polo que agora é necesario "seguir traballando por melloralo, que hai moito que mellorar".

Esta muller, que acaba de cumprir 90 anos, confesa que se sente "emocionada" por este "recoñecemento" como "namorada do galego e da terra", despois de observar que houbo "cambios pouco a pouco ó longo de moitos anos".

"Creo que habería que facer algo doutra maneira. Na educación a metade debería ser en galego e a metade en castelán, desde que se entra ata que se sae", agregou. "Hai que concienciar aos mozos de que temos algún valor", concluiu esta muller de 90 anos.

A homenaxe da RAG e do Concello da Coruña tamén se realizou na mesma rúa onde comenzou a labor das Irmandades. O Teatro Rosalía de Castro albergou un acto musical e literario no que participaron o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro.

Catro coros históricos galegos que xurdiron na época das Irmandades e que aínda seguen en activo protagonizaron a parte musical. En concreto, participaron os membros do coruñés Cántigas da Terra que interpretaron Ben, ben vai e Ruada de Loroño; Coral de Ruada de Ourense; Cantigas e Agarimos de Santiago e Toxos e Froles de Ferrol. A parte literaria contou coa lectura de textos de Villar Ponte -como o fragmento dun artigo no que aseguraba que a mensaxe das Irmandades era "falade e escribide e pensade sempre en galego, irmáns-, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Castelao. Un acto que rematou coa presenza no esceario dos catro coros para interpretar o himno galego.

Outras cidades galegas como Santiago tamén queren unirse ás homenaxes ao centenario das Irmandades. Un programa composto por música, teatro, intervencións artísticas, mesas redondas, monicreques e charlas, organizado polo Concello de Santiago, conmemorará ata o 28 de maio a fundación da Irmandade da Fala de Compostela. O programa estará estruturado en 12 puntos baseándose no discurso inaugural pronunciado polo presidente desta Irmandade, Luis Porteiro Garea, sobre a situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia. Así, as actividades iniciaranse coa peza Ksad, de Ignacio Vilariño, que realizará tres pases no claustro de Fonseca falando sobre a relación do fotógrafo con Porteiro Garea e coas Irmandades da Fala.