Un total de 16 embarcacións e 93 mariñeiros e mariscadoras están rexistrados na confraría de Sada. Porto desde o que xa se botaban ao mar mariñeiros das tribos ártabras antes da chegada dos romanos ao noroeste peninsular, hoxe os profesionais da zona dedícanse a artes coma o cerco, as nasas, as betas ou o racú. O programa da Televisión de Galicia (TVG) Ribeiras de Salitre recupera hoxe a memoria dun porto de longa tradición e achégase o seu día a día.

O espazo que conduce X. H. Rivadulla Corcón entrevistará a Andrés López, que representa a moitos dos mariñeiros locais e co que o presentador sairá a recoller camaróns coas nasas. Tamén estará con Tania Rodríguez, peixeira alegre, que prefire o produto autóctono e á que lle gusta recomendar receitas ás súas clientas.

O prato a degustar nesta entrega de Ribeiras de Salitre será a centola, que preparará de xeito moi especial Fernando Ucha, quen tamén falará do modo tradicional de cocela e de como elaborala co seu propio caldo e máis touciño. Mariscador de profesión, aproveitará para falar do oficio mentres cociña.

O mar é o tema principal das pezas da cantora Cristina Fernández, tema que coñece ben, xa que o seu home, Manolo Presas, é o patrón do cerco. Cantará varias cancións nunha das tabernas máis representativas de Sada, O Canalla. O seu home, pola súa parte, falaralles aos espectadores do programa da súa vida de mariñeiro desde a ponte de goberno da súa embarcación.

Ademais, María Gómez impartirá unha clase maxistral de marisqueo, amosando como se traballa co sacho e máis co rastro, para dar logo paso ao futuro do porto.