-Algunhas voces críticas botan máis presenza da muller nesta tempada do CDG.

-Si, escoitei críticas porque as direccións e dramaturxias son de homes. Entendo esas voces críticas que piden a paridade e visibilidade de mulleres artistas. É unha idea incluida no meu proxecto. Téñoo presente. No caso de Tartufo, buscamos un texto clásico e elixímolo porque hai mesmo número de actores ca de actrices.

-Que pode comentar de Dramaturxente?

-Queremos apoiar a dramaturxia galega que se está facendo agora e darlle visibilidade non só coa posta en escea. Estamos reuníndonos de forma periódica con Dramaturga. Hai que pensar en grande. Non só ten que haber alomenos unha dramaturxia galega en cada tempada do CDG. Hai que desenvolver outras actividades como lecturas dramatizadas tanto aquí como fóra, encontros entre produtoras e autores galegos para que as compañías coñezan os seus textos, base de datos online para localizar obras e autores...

-Ao contrario doutras persoas, vostede segue con proxectos dos antecesores.

-Paréceme un mal endémico non só de Galicia senón de España o rupturismo cultural. Ás veces, hai proxectos que paga a pena que trascendan a persoa. O concepto da relación cultural con Portugal paréceme innegable e interesante. Hai propostas, non só de Guede, senón das directoras anteriores que paga a pena darlle continuidade no tempo. Se se lles dera continuidade, o Centro tería medrado un pouco máis.