A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e maila Asociación galega de familias afectadas pola síndrome de Asperger (Asperga) estreitan a súa colaboración co fin de mellorar a atención educativa ao alumnado afectado pola síndrome de Asperger e Trastorno del Espectro Autista (TEA). O obxectivo do convenio é desenvolver unha acción educativa integral que dea unha resposta axeitada ás necesidades específicas de apoio educativo dos alumnos afectados por esta síndrome.

Unha das principais liñas de traballo vai ser a formación específica do profesorado que atende a escolares con Síndrome de Asperger e TEA nivel de apoio I e II, sen déficit lingüístico nin cognitivo. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta, a través das súas propias estruturas formativas e en colaboración co persoal de Asperga, vai desenvolver unha serie de accións nas distintas modalidades de formación neste eido.

A Consellería e Asperga colaborarán na posta en marcha de actividades de sensibilización e de difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con síndrome de Asperger e TEA.

Tamén ao abeiro deste convenio, o persoal de Asperga poderá prestar asesoramento nos centros con nenos ou nenas con esta síndrome. O departamento está desenvolvendo unha ampla política de colaboración con moi diversas entidades en prol da atención á diversidade do alumnado con diferentes necesidades específicas.