O escritor compostelano David Pérez asegura que Todo o tempo do mundo era un conto que lle tiña prometido a súa filla pequena. "Ela díxome: tes que facerme un libro e fíxenllo. A historia é unha conversa entre unha nena urbana, Ariadna, de once anos, que queda a vivir co avó na aldea porque os pais emigran. Ese é un encontro coa terra que serve para recuperar a identidade. O libro ten un tono doce, poético", resalta este autor, quen alerta sobre a perda das aldeas.

"É unha desfeita de proprocións fóra do normal, unha desfeita silenciosa coa conivencia do poder e do capital. Hai milleiros de aldeas sen nenos ou parroquias cun neno ou dous. Estamos diante desa situación como se non pasara nada, cun silencio terrible; non interesa. Máis ben interesa o contrario", sosten este autor, que recoñece a que a obra gañadora é unha historia "de emocións". "A xente empatiza con ela; di que se emociona co libro. Reflite algo que está moi presente na nosa realidade, o abandono das orixes campesiñas, da aldea. Ese abandono arrastra o abandono das palabras, o abandono do que somos", sostén este escritor, periodista e guionista que era o único dos tres premiados polos Xerais que xa contaba con obras publicadas anteriormente.