Recoñece que se presentou o premio Jules Verne para "confirmar" que a súa escritura ía polo bo camiño. "Era como buscar confirmación de que o que estaba facendo o estaba facendo ben. Escribía con inseguridade; non sabía se as miñas historias podían chegar a alguén", sostén Iria Misa, gañadora do premio Jules Verne, quen explica que a obra Xa non estou aquí xurdiu "hai moitos anos, de cando desapareceu unha rapaza da miña vila". "Ese tema sempre me tocou moito, impactárame que pasara tan preto da casa. Pasaron os anos e quedou a idea no tinteiro. Hai tres anos, conseguín dar a voz que quería. Levo máis de dous anos traballado no texto", indicou Misa.

No libro, a autora fala da necesidade de pertenza a un grupo cando se está na época da adolescencia. "Creo que en gran medida, se unha rapaza ou rapaz non ten unha base sólida familiar, unha rede moi establecida, corre o perigo de chegar a un punto extremo por pertencer a un lugar, a un grupo", indica esta autora pontevedresa, quen recoñece que para ela escribir "é un xeito de organizar a vida, as horas, para sacar de dentro ideas que teño e que me gustaría compartir cos demais".