"Non son escritor. Esta é a primeira cousa que escribo e xurdiu a raíz do nacemento do meu fillo maior con síndrome de Down. Para nós, foi un impacto. De entrada, todo o mundo dicía que ía ser un problema, pero nas primeiras semanas e meses decátaste de que o problema non está no neno senón na sociedade que ten que deixar encaixar a todas as persoas con discapacidade. Nesa sensación de impotencia, foise enchendo de pus, de moita carraxe e de moita anguria a tripa. A escrita era unha forma de sacar iso fóra e de sanar feridas. Comunicar é unha forma de sanar". Deste xeito tan emocional e visceral, explicaba onte o médico Manuel Esteban Domínguez o que lle motivou a escribir A ira dos mansos.

"Quería contar cousas concretas, como a sociedade acolle as persoas con diversidad funcional ou discapacidade intelectual desde a hipocresía, desde proposicións morais que me parecían inxustas", sinalou o gañador do premio Xerais de novela, quen engadiu: "Para poder facer un bo contraste, amosar eses recovecos morais, non me resultaba útil contar unha historia costumbrista. Relatar unha novela negra serviu para resaltar o contraste da cuestión moral e social".