Ten carnés, salvocondutos ou pasaportes vellos? Conserva diplomas ou nomeamentos dos seus familiares? Atesoura recordatorios de bautizos, comuñóns ou vodas de hai moito tempo? Garda documentos curiosos ou históricos? Co gallo do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o vindeiro xoves, a Real Academia Galega (RAG) convida a todas as persoas que o desexen a compartir o pasado a través dos documentos particulares deste tipo que conserven. Dende onte ata o venres, a RAG desenvolverá unha campaña de dixitalización gratuíta dos materiais, que posteriormente amosará en academia.gal.

O Arquivo da Real Academia Galega, fundado en 1906, xunta máis de 150 fondos documentais que abranguen desde o século XI ata os nosos días. O seu amplo legado faise imprescindible para calquera persoa que investigue a historia e a cultura galega pola relevancia e a variedade dos documentos que atesoura: correspondencia de persoeiros históricos, manuscritos literarios, fotografías, debuxos, postais, revistas e periódicos... Pero calquera persoa custodia tamén, aínda sen decatarse, un arquivo persoal ou familiar que pode ter valor histórico. Certificados de estudo e títulos académicos e profesionais, diarios, memorias, axendas, pasaportes, cartas, invitacións, recordatorios ou fotografías son só algúns exemplos dos fondos herdados dos nosos devanceiros que axudan a entendermos mellor o noso pasado colectivo.

O vindeiro xoves será o Día Internacional dos Arquivos e a RAG quere celebralo precisamente poñendo en valor a importancia dos arquivos persoais. Dente onte ata o venres, as persoas que desexen compartir as lembranzas e a historia que gardan os documentos antigos que conservan nas súas casas poderán levalos á sede da RAG (na rúa Tabernas, 11) para a súa dixitalización gratuíta. Serán atentidas polo persoal do Arquivo da institución de luns a xoves de 9 a 14.45 horas e de 16.30 a 19.45 horas, e o venres de 09.00 a 14.45 horas. Posteriormente, a RAG amosará estes anacos do pasado na súa web, academia.gal.