A serie documental Náufragos, de Producións Celta e que emite a TVG, abordará esta noite dúas novas e duras historias de como segue a vida despois dun naufraxio e de como o afrontan os mariñeiros que sobreviviron e as familias dos que non volveron do mar. Nesta ocasión, os protagonistas serán Eduardo Pasantes, que naufragou preto do cabo Vilán, e os náufragos do Marbel, que encallou nas Illas Cíes.

A lancha Abondou saía do porto de Camariñas o 12 de outubro de 2008, cun único tripulante a bordo, Eduardo Pasantes, para pescar robaliza nos baixos As Baleas, ao norte do cabo Vilán. A embarcación foi contra as rochas e Eduardo caeu ao mar. Pasou preto de dúas horas na auga e puido ser rescatado cando desde terra o viron e se puxo en marcha o dispositivo de salvamento.

O protagonista desta historia é un mariñeiro con moitas horas de mar, pero, por moita experiencia que se teña, o naufraxio faise ás veces inevitable, porque as embarcacións son sempre moi vulnerables á forza do mar. Náufragos falará da súa experiencia con Eduardo Pasantes, conversará tamén coa súa muller e o seu irmán pequeno e contará co testemuño de Sonia Santos, que foi quen o viu no mar e deu a voz de alarma para rescatalo.

Os espectadores tamén coñecerán hoxe a historia do Marbel, un buque do arrastre con base en Vigo, que o 28 de xaneiro de 1978 saía para faenar en augas africanas. Ao pasar á altura do cabo Silleiro, produciuse unha avaría na máquina que fixo que o barco quedase á deriva. Houbo varios intentos infrutuosos de remolcalo e, despois de varias horas sen goberno, embarrancou nas Illas Cíes. Dos seus 36 tripulantes, só nove lograron salvar a vida.

O naufraxio do Marbel viviuse cunha inmensa dor en toda a ría de Vigo, xa que en case todos os portos da zona había mariñeiros traballando neste barco. Disto dará boa proba o testemuño de, entre outros, José Manuel Rúa, mariñeiro que salvou a vida neste naufraxio, Amparo Fernández, viúva de Manuel Pérez, morto no accidente, e Raimundo Calviño, cuñado do capitán do Marbel.