Un salón repleto de libros púlcramente ordenados, a luz natural entrando pola xanela e a voz, por exemplo, de Billie Holiday rumoreando no ambiente. Así lle gustaba escribir a Agustín Fernández Paz, sempre primeiro a man, nas súas decenas de cadernos de papel amarelo, e con rotuladores de punta fina: anotacións de historias que, aos poucos ían cobrando forma. Iso si, o texto definitivo, sempre fronte ao computador. O escritor -incapaz de estar un día enteiro sen ler- asomouse tamén de cheo ás novas tecnoloxías. Moi activo en redes sociais como Twitter e no seu blog, gozaba comunicándose cos seus lectores: "Ese é o meu verdadeiro premio", aseguraba.