A Televisión de Galicia (TVG) emitirá unha serie de sete programas sobre a historia do Parlamento de Galicia, que afondará nas anécdotas vividas no Pazo do Hórreo de man dos testemuños dos exparlamentarios que pasaron pola Cámara galega dende a súa creación no ano 1981. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o director xeral da Crtvg, Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron onte o convenio de colaboración xunto ao presidente da Asociación de exparlamentarios, Jesús María Fernández Rosende, que asesorá a elaboración da serie.

O programa, que terá unha duración de 30 minutos, tratará de dar "unha visión máis humana e plural do traballo parlamentario", segundo indicou o presidente da Cámara galega, que tamén indicou que se realizará un libro de "consulta agradable" no que se recollerán "tódalas anécdotas" vividas nos 35 anos de vida do Parlamento. Santalices resaltou a "importancia" do traballo que se fai no Pazo do Hórreo "fose de cámara" e agradeceu ao ente de radiotelevisión galego o labor de difusión ao longo da existencia da Cámara.

Pola súa banda, Sánchez Esquerdo recordou que unha das primeiras leis aprobadas no Parlamento de Galicia foi a da creación da CRTVG e enxalzou a relación "moi estreita" que manteñen ambas as dúas institucións.

Segundo Fernández Rosende, a serie prestará especial atención á "vida e vivencias" dos máis de 350 deputados que pasaron polo Pazo do Hórreo dende decembro de 1981.