O festival Espazos Sonoros 2016 celebra do 3 de setembro ao 18 de outubro a súa novena edición cun programa de nove concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser os protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación e que este ano propón un achegamento a edificacións históricas dos concellos da Coruña, Bergondo, Vimianzo, Ribadavia, A Guarda, Pedrafita do Cebreiro, Lalín, Monterrei, Palas de Rei e Baiona, a través dunha programación musical que tamén inclúe andainas, visitas guiadas e obradoiros.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, La Xácara, Tres Pesos, Solo Voces con Adrián Regueiro na rolda pola paisaxe dos órganos históricos ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.

"Con esta iniciativa -explicou Anxo Lorenzo- pretendemos unir dous aspectos fundamentais no traballo do noso departamento: a aposta por crear espazos para esas outras músicas con menor presenza, pero de alta calidade, e a difusión do patrimonio cultural, aínda ás veces enormemente descoñecido pola poboación". Segundo precisou, "o feito de coñecelo nunha experiencia próxima a través da música parécenos unha forma moi axeitada de crear vínculos emocionais con ese espazo patrimonial e unha maneira de vivilo con intensidade".

Son numerosos os seguidores e as seguidoras de Espazos Sonoros que, ano tras ano, percorren o territorio galego á descuberta do patrimonio, nunha programación que arrancará na recta final do verán e que contará con espectáculos únicos, como o concerto que ofrecerá o Ensemble Gilles Binchois na igrexa de Santa María de Baiona o 8 de outubro. Este grupo de referencia da música antiga interpretará por primeira vez en Galicia un dos monumentos da historia da música, a Misa de Nosa Señora, unha peza do século XIV composta por Guillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Reims, en Francia

Rutas a pé polo patrimonio

Con motivo do concerto inaugural, o 3 de setembro, Espazos Sonoros propón unha primeira andaina pola contorna da igrexa de Santiago de Cereixo, en Vimianzo, a carón do río Grande. O día 10 dese mesmo mes, previamente ao concerto de Tres Pesos, o ciclo bota a andar polo roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos, a través dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística.

No marco da irmandade musical entre Galicia e Portugal, o 11 de setembro o ciclo ofrecerá unha xornada no Baixo Miño que transcorrerá entre viñas -arredor da paisaxe vitivinícola dunha das subzonas da denominación de orixe Rías Baixas- e fortes, co desprazamento ata o castelo de Santa Cruz da Guarda.