A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación prevé realizar o curso que vén 2.400 actividades de formación destinadas a preto de 20.000 docentes. Os contidos basaranse nas competencias que deben adquirir os docentes para axudalos no desenvolvemento da súa profesión, entre as que destaca a potenciación das competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Deste xeito, o novo plan establece por primeira vez un marco xeral de competencias profesionais docentes como as TIC, que favorecerán a mellora dos programas de formación, unha liña de traballo que a Consellería iniciou o curso pasado e que agora se ve reforzada. O programa fundaméntase en dez obxectivos: acompañar aos docentes na implantación dos novos currículos e das novas materias de libre configuración, impulsar os plans de formación permanente nos centros, mellorar a competencia lingüística en linguas estranxeiras, potenciar os itinerarios formativos TIC, promover a atención á diversidade, mellorar a convivencia escolar, favorecer iniciativas formativas no ámbito STEM, establecer accións de formación nas funcións directivas, incrementar a oferta en rede e potenciar procesos de innovación educativa.

No curso 2015/2016 organizáronse 2.224 actividades formativas, un 6,5% máis que o ano anterior, o que supón máis de 12 actividades por día lectivo. No 60% dos casos, as accións desenvolvéronse no entorno dos centros. Ao abeiro destas accións formáronse máis de 19.200 docentes, o que supón o 60% do profesorado galego.