Carril é a ribeira de salitre da ameixa por excelencia, pero alí tamén se atopan un bo número de mariñeiros traballando nos oficios da baixura. En concreto, a súa confraría ten 449 asociados, entre parquistas, mariscadores e mariñeiros.

Ribeiras de salitre, o espazo mariñeiro da Televisión de Galicia (TVG), comeza hoxe esta aventura falando con Antonio Pesado, un mariñeiro da vila co que o equipo coñecerá a pesca da saborosa soia. Esta é unha arte moi peculiar, porque esta especie vive escondida na area e para capturala é preciso empregar uns rascos de grande tamaño, similares aos que se utilizan para a apañar a vieira.

O programa tamén amosará a actividade da lonxa da man de Moisés Campos, que traballa neste lugar desde hai moitos anos. El dedícase a facer a poxa da ameixa e os traballos de control de cupos e tamaños. A pesar de vir de familia mariñeira, non era o mar o que máis chamaba por el, mais as circunstancias da vida foron facendo que se achegara ao oficio e acabara por integrarse plenamente na familia mariñeira desta beira da Ría de Arousa.

Merche Caralda, pola súa parte, é unha das cociñeiras da famosa Festa da Ameixa de Carril, e ela será a emcargada de ensinarlles aos espectadores como se cociña este bivalvo á mariñeira. En Carril tampouco faltará a música. O grupo tradicional Malveiras soará en Ribeiras de salitre á beira do mar. A banda toma o nome dunhas rochas que emerxen preto da Illa de Cortegada, fronte ao porto de Carril.

Outra das protagonistas do porgrama de hoxe será Lolita García, unha parquista moi singular, propietaria dun parque de ameixas que traballa conxuntamente co seu fillo Cristian Brea. Lolita navegará co equipo do programa para ver como se realiza o traballo.

Ademais, a asociación Rompetimóns, un grupo de veciños e veciñas de Carril que traballan na recuperación de embarcacións tradicionais no porto da localidade, dará a coñecer o seu galeón Illa de Cortegada e o programa tamén charlará co patrón maior do porto, José Luís Villanueva, que mostrará as peculiaridades deste enclave.