Crear un lugar matriz, un espazo para a imaxinación creadora e o pensamento crítico. Un punto de encontro transatlántico de todas as expresións artísticas, con especial fincapé tanto na literatura galega como no ensino e na difusión da nosa lingua. Estas son as razóns de ser da Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín (Arxentina), presentada publicamente onte, por primeira á esta beira do océano, na sede da Real Academia Galega (RAE). O académico coruñés Manuel Rivas é un dos promotores do proxecto, que se deu a coñecer o pasado abril na Feira do Libro de Buenos Aires.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, recibiu unha delegación do proxecto composta por Mario Greco, director do programa Lectura Mundi da Universidad Nacional de Sanmartín (Unsam), que dá acubillo á Cátedra; Micaela Cuesta, investigadora da mesma institución e editora dos suplementos que elabora Lectura Mundi para Review. Revista de libros, a versión latinoamericana da prestixiosa The New York Review of Books; e Manuel Rivas, codirector da Cátedra. Tras a xuntanza, os catro presentárona en rolda de prensa.

Alonso Montero amosou a súa satisfacción por abrir as portas da RAG á presentación desta iniciativa en Galicia. "É, sen dúbida, o espazo máis axeitado, porque esta Academia existe porque existe América", salientou, antes de lles dar a palabras aos membros da Cátedra, referíndose ao apoio crucial da emigración que fixo posible, a través de figuras como Xosé Fontenla Leal, que finalmente a RAG fose inaugurada na Coruña en 1906.

Malia non ser a primeira cátedra universitaria de promoción e divulgación de Galicia e a súa cultura creada en Arxentina -historicamente o maior destino mundial de emigración galega-, a da Unsam é unha iniciativa orixinal, apuntan os seus impulsores. Desenvolverá tanto investigación académica pura como divulgación da cultura galega, e procurará a colaboración con outras institucións culturais. E sempre tomando como referencia o diálogo con Galicia, xa que esta é "unha cátedra feita a dúas beiras".

Lectura Mundi, o marco da Cátedra, é un "programa transversal que dialoga con toda a universidade", e que conta entre as súas accións coa Cátedra Literaturas do Sur, que dirixe o Nobel de Literatura sudafricano J. M. Coetzee, contou Greco. "Queremos construír sobre a matriz que xa existe, que é o vínculo entre o galego e o arxentino, unha nova linguaxe, un novo relato da relación entre estes mundos", declarou. "E iso quere dicir facerse cargo dos arquivos que temos en Arxentina [sobre Galicia], escanear as fichas dos emigrantes que están no Museo da Emigración Galega na Arxentina, restaurar as obras de arte da pinacoteca do Centro Galicia... Coidar todo aquilo que forma parte do testemuño da memoria, pero ao mesmo tempo construír sobre ese recordo, que está moi vivo, un relato que actualice ese vínculo", detallou.

Manuel Rivas confiou en que a Cátedra marque "un xiro na cuestión das relacións culturais que teñen como célula nai a emigración" e destacou que nace coa vontade de estar "moi cosida co seu tempo", poñer "en comunicación as vangardas de América e de Galicia" e ser un espazo que vaia do local ao universal.