O programa Ribeiras de Salitre achégase nesta edición ao porto de Cariño, onde se emprega unha gran variedade de artes de pesca coma o enmalle, cerco, palangre e marisqueo. As xentes amables deste enclave amosarán as diferentes caras da cultura e da tradición mariñeira de Cariño.

Unha das profesións máis antigas ligadas ao mar e aos mariñeiros é a de redeira, tradicionalmente exercida por mulleres. María Landrove, redeira desde nova, amosará a súa habilidade para coser as redes empregadas na pesca. Ademais, Benigna Rey ensinaralle ao equipo do programa a facer encaixe cos palillos, unha actividade moi arraigada na costa. Santiago Cuevas, outro veciño con grande axilidade nas mans, amosará súa habilidade facendo barcos a partir dos nós e fíos mariñeiros, un tipo de artesanía singular.

Neste espazo con aires mariñeiros tamén hai lugar para a gastronomía. Manuel Fontenla, un ex mariñeiro que agora vende peixe nunha furgoneta, preparará uns xurelos lañados á brasa. Pola súa parte, os máis pequenos da casa bailarán a Danza de Arcos, un baile tradicional de orixe descoñecida que se espallou por outros portos de Galicia.

Desde o Cabo Ortegal, o lugar máis emblemático do municipio de Cariño, pódense divisar os Aguillóns, considerados a formación rochosa máis antiga de Europa. Ribeiras de Salitre visitaraos a bordo da lancha Salvamar Shaula, gobernada por Javier Breijo, que falará do arriscado traballo que desenvolven para as operacións de rescate no mar.

O programa que emite a Televisión de Galicia (TVG) rematará tamén no Cabo Ortegal, desde onde Juan Carlos Prado falará das dificultades de coller o percebe, produto estrela das augas de Cariño, e de como é o seu traballo de patrón maior.