O espazo cultural ZigZag Diario entrevistará hoxe na TVG 2 a Manuel Mosquera, do Museo de Belas Artes da Coruña, no que se exhibe Sorolla íntimo. A mostra recolle 32 bosquexos que Joaquín Sorolla creou para a exposición Visión de España, que realizou en Nova York en 1919. Ademais, o programa tamén lle dedicará unha reportaxe a Expansión ensaio sobre Berta Cáccamo. Esta mostra fai un percorrido pola súa obra pictórica e encóntrase no Centro Galego de Arte Contemporáneo de Compostela.

O ZigZag Diario tamén lle dedicará un pequeno espazo ao Outono Fotográfico, o festival de fotografía que se está a desenvolver en Ourense. Neste caso, coñecerá a obra de Tonho Ferreiro e Rubén Vilanova, A man verde, que está exposta no centro Marcos Valcárcel da cidade.

Por outra banda, A Revista estará en directo en Ourense co deseñador Roberto Verino, que acaba de crear a súa primeira liña de carros de bebé. O modisto dá os seus primeiros pasos no sector da puericultura, con dous coches da liña Shom by Roberto Verino, unha cadeira de paseo con capazo e outra de paseo ultra lixeira. A marca saca estes produtos en colaboración con Baby Essentials, un referente no eido.

O espazo diario tamén irá a Vilagarcía de Arousa, onde a Fundación Amigos de Galicia, asociación que axuda ás persoas con limitacións económicas e sociais, envolverá uns 3.000 regalos de Nadal para nenos e nenas de familias con poucos recursos.

A presentadora Laura Peña entrevistará a Ignacio Villar, director do filme galego Sicixia, que se estreou a fin de semana pasada. A película, protagonizada por Monti Castiñeira e Arantza Villar e que contou co apoio da canle pública, narra a historia de amor entre unha rapaza da Costa da Morte e un técnico que se achega alí para gravar sons.

Tamén estará no programa a colaboradora habitual e especialista en moda Edith López, que falará de dúas pasarelas, a Runway Galicia e a Debut 2016. Ambas amosan a futura moda galega deseñada por novos talentos.

'Larpeiros'

O equipo do programa Larpeiros recibe esta semana unha moi agradable visita: a de Cíes, sobriña e afillada de Leni. E como na mesa hai unha nena, o tema de conversa centrarase arredor dos xogos.

Ao almirante dos larpeiros, don Benigno, falar de xogos espértalle a imaxinación e propón facer un xantar que os leve directos á infancia: guiso de xarrete con cervexa negra, un prato clásico e con personalidade, que tamén se pode facer con cervexa rubia.