Ismael Vaz ten 36 anos de vida e outros tantos de triscos de madeira espallados polo país en forma de instrumentos de corda de música antiga. Este lutier de Sabarís (Pontevedra) é un dos poucos que fabrica de xeito artesanal as violas de madeira que se empregaban na música antiga galega. Faino desde unha pequena aldea de Ourense, nun luminoso taller duns trinta metros cadrados e coas ferramentas propias da lutería do século XVII que construíu él mesmo. A única concesión á modernidade é unha pequena serra.

Agora participará nun proxecto co músico Carlos Núñez para crear réplicas dos instrumentos medievais do Pórtico da Gloria. Concretamente unha fídula ou viola con arco. "É unha fídula que no pórtico se representa das dúas maneiras: no brazo ou co arco", aclara. "É un proxecto bonito como investigación", explica.

O gaiteiro e compositor Carlos Núñez vén de celebrar na Catedral de Santiago un concerto no se que empregaron réplicas de todos eses instrumentos medievais presentes no Pórtico e que se reconstruíran no marco dun proxecto da Fundación Barrié, pero que agora están en depósito nunha institución. Por iso Ismael Vaz tratará de recrear unha nova réplica dalgúns deles (dos de arcos) para probar e experimentar novos aspectos musicais.

Ismael Vaz traballa como lutier en solitario -con instrumentos desde a Idade Medieval ao Barroco- desde hai uns sete anos. "O meu pai foi ebanista, e aprendín un pouco de aí. Logo estudei restauración, concretamente patrimonio arqueolóxico na Escola Superior de Bens Culturais de Galicia. Traballei ata os 28 anos dando voltas por Galicia pero, cos recortes en Cultura, a maioría das empresas de restauración quebraron eu quedei na rúa", argumenta. O primeiro en prender a chispa da súa vocación foi o intérprete Baldomero Barciela, ao caer nas súas mans un instrumento de Ismael Vaz.

Ao final, chegou a gravar un CD con instrumentos do novo lutier. "Son músicos punteiros a nivel mundial na música Barroca, para min foi o máximo", recoñece. A música barroca, máis recoñecida noutros países europeos, aínda reporta pouco traballo en Galicia.

Na actualidade, traballa coa liberdade de ir probando materiais. O pradairo galego é a súa madeira predilecta -que merca en zonas altas e frías de Lugo- e logo para as capas harmónicas, abeto. Convencer a madeiristas sobre os requisitos das árbores a cortar tamén formou parte dos esforzos do lutier, que destaca o valor doutras especies autóctonas que hoxe rematan en pasta de papel.

A viola da gamba que constrúe normalmente Ismael Vaz é un instrumento do século XVII, que non ten nada que ver co que se coñece hoxe en día como viola. A de gamba é máis parecida ao violonchelo; é un instrumento de arco que se toca pousado nas pernas. A cifra das que ten elaborado xa se aproxima ao medio cento. "O que enche a miña vida emocionalmente son os pequenos que comezan no conservatorio e están contentos cos teus instrumentos", expresa.

Hoxe os detalles da música galega antiga están case totalmente perdidos. "Os instrumentos son dispares e en cada zona ou, incluso, cada mestre tiña os seus xeitos de escribir a música, os pentagramas, as descricións... De Bach cara atrás, todo ese período require unha investigación na que camiñamos case perdidos. Non se sabe case nin cantas cordas levaban, e a música interpretábase con certa improvisación", sinala este artesán galego.