Ribeiras de Salitre segue a percorrer o litoral galego para achegar aos espectadores as historias de homes e mulleres que traballan no mar. Hoxe, o destino é o porto do Vicedo, na Mariña occidental, onde mariñeiros e mariscadoras guiarán a X.H. Rivadulla nunha viaxe polo territorio e pola memoria.

O vello mariñeiro José Pastor, que ten xa oitenta anos, falará dos seus inicios no mundo do mar cando todo se facía a man, sen maquinaria, e a roupa se impregnaba de aceite de liñaza para impermeabilizala. Outro veterano, Manolo Rivera, que se acaba de xubilar, contará aos espectadores anécdotas dos seus corenta e cinco anos no mar, confesando que non vai deixar de ir todos os días ao porto para seguir gozando do ambiente mariñeiro. As xuntanzas dos mariñeiros tamén seguen levando ata alí a Manolo Carozo, que deixou o mar despois de dedicarse a el durante dez anos. Os espectadores do programa da Televisión de Galicia (TVG) poderán ver como cociña unha singular caldeirada de polbo.

Ademais, as cámaras do espazo acompañarán na súa saída ao mar a Francisco Berdeal, quen lle dá as últimas leccións ao seu fillo, José Manuel Berdeal, antes de retirarse, e as mariscadoras Marisol Martínez e Isabel Solloso, que teñen unha fonda preocupación por coidar a ría para que a súa actividade sexa sostible. Nesa dirección encamiña tamén o seu traballo Fernanda Martín, capataz do Centro de Explotación Marisqueiro emprazado en Ribadeo. A banda sonora desta nova entrega porana os membros do grupo Os do 21, unha asociación cultural que se dedica á difusión da cultura tradicional do Vicedo.