-Vostede asegurou que a "Academia pertence á sociedade". A sociedade galega é actualmente complexa. Que grupos, ou persoas representativas cre que teñen que ter representación nos labores académicos?

-A Academia ten estatutos que regulancargos vitalicios. Podemos ir ircorporando persoas, pero hai que esperar a que vaia habendo baixas ou reformar os Estatutos, cuestión que non estou en condicións de abrir agora. A Academia é unha institución con máis de cen anos de historia e con toda a tradición detrás, que ten a memoria dos devanceiros. Pero ás veces é como un trasatlántico. Hai que organizar moi ben as manobras para que se mova entra as bateas e atope a liña de saída. Existen as planeadoras. Pero un trasatlántico leva unhas 5.000 persoas a bordo.

-Pensa que están amplamente representados na RAG sectores como a investigación sociolingüistica, o ensaio e a historia da literatura, a narrativa e a poesía actuais, mesmo o xornalismo cultural?

-Ata agora non estaba representada a literatura infantil e xuvenil, e chegou Fina Casalderrey; o mundo da ciencia e da didáctica e aí está Marilar Alexandre. O mundo do Dereito non está representado. Pero en Comunicación, estamos Margarita Ledo, Manuel Rivas e mais eu. Podería haber máis.

-"Fomentar a incorporación de máis mulleres", dixo no seu discurso.

-É unha das loitas que hai que dar. Houbo algún desencontro entre nós. Eu non estou mirando se ela é dos teus ou dos meus, estou vendo como construír un equipo de confianza para avanzar en espazos de acordo. E as dúas académicas que tiveron a xenerosidade de acompañarme, que son Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, son dúas persoas que representan o novo osíxeno. Ningunha das dúas estivo en guerrillas internas. E agora entra Chus Pato, unha muller poeta. Certo que a Literatura está moi representada e haberá que enriquecela con novas formas. Hai que meter persoas que teñan menos de 60 anos, por dicir unha idade elevada. O ideal serían persoas con 40 anos, que teñan currículum, experiencia e se movan fóra de Galicia. Temos xente como Xosé Luis Moure, que é o presidente das Letras arxentinas, e que é galego e Nélida Piñón, en Brasil, que fixemos académica de honra.