Os representantes do goberno galego, catalán, vasco e balear en materia de política lingüística reforzaron onte, nunha reunión en Santiago, a súa colaboración na defensa do multilingüismo e das linguas propias. A colaboración institucional subscrita ata agora por estes gobernos autonómicos reforzarase coa incorporación dos gobernos navarro e valenciano ao Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, logo da solicitude de adhesión presentada por eles e a aceptación dos membros actuais no encontro da comisión de seguimento que tivo lugar en Compostela. Con estas adhesións, a Xunta, o Goberno Vasco, a Generalitat de Cataluña, o Govern de les Illes Balears, o Goberno de Navarra e a Generalitat Valenciana "inician -en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García- unha nova etapa na defensa coordinada dos intereses do multilingüismo e na promoción conxunta do uso das súas linguas cooficiais".

García, acompañado polos seus homólogos catalá, vasca, navarro e valenciano, Ester Franquesa, Miren Dobaran, Mikel Arregui e Rubén Trenzano, respectivamente, informou das liñas de acción aprol da coordinación de esforzos na defensa dos intereses do multilingüismo no Estado e mais en Europa, así como do intercambio de experiencias entre as áreas de traballo dos procesos de normalización do galego, do éuscaro e do catalán, no marco do protocolo de colaboración.

Entre as políticas de promoción das linguas oficiais destacan o vindeiro informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, as liñas de actuación dos gobernos na Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD) e o plan de traballo para o ano en curso no marco do protocolo. Neste ámbito inclúense a concesión do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado ou o convenio co Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación para o recoñecemento mutuo das probas de acreditación de competencias para o exercicio da profesión de tradutor xurado e intérprete.

Os gobernos tiveron oportunidade de poñer en común algúns proxectos nos que están a traballar como os plans de dinamización lingüística do galego na economía e na xuventude, o novo sistema de indicadores do éuscaro, os traballos de adaptación do sistema de acreditación do catalán en Valencia e do éuscaro en Navarra ao Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas ou o Informe de política lingüística de Cataluña sobre 2016. Ademais, a Xunta, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, cos departamentos homólogos de Cataluña e Euskadi, manteñen diálogo permanente sobre a promoción das linguas propias. Navarra e Valencia participan tamén na NPLD, un proxecto no que levan a cabo accións conxuntas que redundan na promoción do uso das linguas galega, vasca e catalá no mapa de ruta europeo para a diversidade lingüística.