"C'o Programa d'ista noite damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega". Ás 23.45 horas do 14 de abril de 1947, comezaba así a primeira programación radiofónica estable en galego, unha xanela aberta á difusión da lingua e da cultura galegas en pleno franquismo desde a máis prestixiosa emisora do mundo, a BBC de Londres. Os micrófonos do Galician Programme permitiron oír desde calquera aldea de Galicia colaboracións das figuras máis importantes da nosa cultura. O Arquivo da Real Academia Galega (RAG) conserva os guións deste espazo, emitido ata que en 1956 as presións do goberno de Franco acabaron con el.

"As emisións en lingua galega dende a BBC de Londres son un capítulo sobranceiro e moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita que significou a Guerra Civil. Unha acción estratéxica desde o exilio interior, principalmente de persoas arredor de vellos militantes do Partido Galeguista que por aquelas datas estaban a configurar a Editorial Galaxia", salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. "Estes guións da BBC, con colaboracións fundamentalmente de carácter cultural e literario, constitúen un capítulo moi emocionante da historia da radio galega e en galego, e mais da historia da loita democrática pola presenza de Galicia no mundo. Naqueles tempos arriscados, xestos aparentemente tan sinxelos estaban cargados dunha poderosísima significación simbólica e política. Parece de xustiza lembrar non só os seus promotores senón todos os colaboradores que o fixeron posible", engade.

O espazo emitíase, cunha duración variable, cada tres semanas dentro do Spanish Programme, alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. A melodía de Cock of the North, unha popular canción escocesa, marcaba o inicio e o Alalá de Bande, a Muiñeira de Cartelle ou o Pasacorredoiras de Arnoia, o peche, como se pode ver nos máis de oitenta guións do Galician Programme, custodiados na RAG grazas á doazón do seu editor e presentador, o xornalista ourensán Alejandro Raimúndez. Naquel primeiro programa deu axiña paso a Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía, para abordar as Relaciós culturais entre Inglaterra e Galiza. O xornalista galego, que colaborara nos anos vinte coa revista Nós e o diario El Pueblo Gallego, era un profesional recoñecido: fora expulsado en 1933 polo goberno nazi de Alemaña e daquela volvía ser correspondente en Reino Unido, desde onde cubrira a II Guerra Mundial para La Vanguardia.

Raimúndez, que conducía este espazo baixo o pseudónimo de Xavier Fernández, fora catedrático da Escola de Altos Estudos Mercantís de Barcelona e incorporárase á emisora británica pouco despois de se exiliar en Londres por mor da Guerra Civil. "A través dos seus paisanos Eleuterio González Salgado e Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, entra en contacto con Fernández del Riego e encoméndalle a procura de colaboracións periódicas para o programa galego. A partir dese momento, Fernández del Riego convértese en coordinador en Galicia e solicita a todas as figuras senlleiras do país a súa colaboración para ser remitida a Londres, e a resposta foi entusiasta, xa que todos cooperaron con gran xenerosidade", explica o catedrático da Universidade da Coruña Antonio Raúl de Toro Santos na introdución de Galicia desde Londres: Galicia, Gran Bretaña e Irlanda nos programas galegos da BBC, 1947-1956 (Editorial Tambre, 1994), volume no que recolle estes guións.

Ademais do propio Francisco Fernández del Riego -presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001-, que participou en doce programas, sobresae a colaboración desde Londres de Plácido Castro, traballador da BBC, autor de once guións e locutor en diversas ocasións. Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ricardo Carballo Calero, Celso Emilio Ferreiro, Rafael Dieste, Ramón Villar Ponte, Pura Vázquez, Manuel María ou Faustino Santalices foron outros autores que fixeron achegas en distinta medida.

Galician Programme contou tamén con outras colaboracións foráneas como a da xornalista e escritora británica Nina Epton, nun programa sobre a súa viaxe a Galicia; ou a do profesor norteamericano Stephen Reckert ( Galiza: Oucidente da Romania e sur da Celtia).