A lingua galega tivera presenza na radiodifusión xa desde os tempos da II República, desde a creación en 1933 da primeira emisora de radio, Radio Galicia, promovida por Unión Radio e pola plataforma de apoio ao Estatuto de Autonomía de Galicia.

"O galego na radio chegou a ser moi popular entón, con personaxes radiofónicos como Xosé Mosquera, O vello dos contos, ou emisións de radioteatro", recorda Víctor F. Freixanes. Despois da Guerra Civil, este medio serviu como forma de resistencia democrática desde o exterior, con emisións como as realizadas para as colectividades galegas en América, con programas como Sempre en Galiza, posto en marcha en Montevideo no ano 1950, ou Galicia emigrante, dirixido desde Buenos Aires por Luís Seoane (1954-1971); ou espazos máis recentes como o dirixido desde o exilio portugués por Margarita Ledo (1974-1975).