O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, destacou onte o compromiso de Carlos Casares, a quen se lle dedican as Letras Galegas deste ano, coa promoción da cultura galega entre os máis novos. Fíxoo durante a presentación da edición conmemorativa de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, unha pequena peza dramática escrita a principios dos anos setenta polo autor ourensán e que pronto se converteu nun clásico do teatro infantil.

Esta edición conmemorativa non é unha simple reedición, pois se divide en dúas partes. Por unha banda, un libro que inclúe un facsímile de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Doutra banda, a reedición tamén inclúe varias ilustracións do debuxante Luís Seoane.