A Asociación Galega de Editoras, en colaboración coa Xunta, preparou un ano máis o desembarco de escritores galegos na Feira do Libro de Bos Aires que rematará o vindeiro día 15. A representación galaica contará con autores como Antón Riveiro Coello, Luís G. Tosar, o booktuber Sebastián G. Mouret e a autora Inma López Silva. Esta última explicaba onte a LA OPINIÓN que será a primeira vez que participe na cita porteña. "Vou -comentou- con expectativas de disfrutar moito e de estar coa xente da colectividade galega. Quero disfrutar da feira do libro máis importante do mundo hispánico e así ver como se move alí o mercado do libro". A autora non esquece que poderá estar en contacto "coas estrelas da literatura mundial", ó tempo que tamén carga a súa maleta con libros.

No caso de Silva, está previsto que participe en diferentes actos culturais. "Teño unha axenda de morrer,", comentaba onte feliz. No stand de Galicia na Feira, os autores galegos manterán un encontro co público hoxe domingo. Será mañá cando Inma López Silva e Antón Riveiro dialoguen cos asistentes sobre as causas que os empuxan á escrita. O martes, corresponderalle a Andrea Maceira e Sebastián García Mouret plantexar reflexións sobre os novos escritores e os novos lectores en conexión coa importancia das redes sociais e o universo internet co mundo dos libros.