Ata o momento só se puidera escoitar a estes dous virtuosos xuntos hai aproximadamente unha década e en locais de aforo reducido. Pasado mañá volven tocar xuntos a convite da organizacións dos premios nun grande escenario na noite festiva da música de raíz galega e achegarán un repertorio novo e diferente, agás unha peza, ao que tiñan no pasado.

No seu concerto haberá unha sorpresa e, como tal, só se desvelará no decurso do seu recital de vinte e cinco minutos de duración.

- Como encaixan musicalmente a gaita e a zanfona? E Anxo e Germán?

-Anxo Lorenzo:A min encántame como combinan. Germán é un xenio, un virtuoso co que dá gusto tocar. O que imos facer sáese un pouco do concepto que a xente pode ter deses instrumentos. Somos músicos con inquedanzas aos que nos gusta experimentar e das nosas ideas vai saír algo máis novidoso e menos achegado ao tradicional.

-Germán Díaz: Anxo vai tocar varias pezas cos whistles. É unha mestura que funciona ben, tanto con gaita como con whistle. Non se fixo demasiado nos escenarios porque a gaita ten tanto volume que é complicado tocar canda ela, mais Anxo ten unha gaita en re con palleta sintética que ten menos volume. Os dous coñecémonos hai bastante tempo e creo que aprendemos un do outro porque manexamos estilos diferentes e, por exemplo, eu aproveito con el para aprender da súa bagaxe na música tradicional galega ou na irlandesa.

- Cóntennos algo do repertorio que van interpretar.

-A.L: Imos tocar, entre outras cousas, algún tema composto por nós, unha peza escocesa e outra do zanfonista Valentin Clastier. Podo dicir que ese é o tema máis complicado que toquei na miña vida coa gaita. Adaptamos a peza para este instrumento e tecnicamente é moi complicado interpretala. Facémola de xeito moi rápido e penso que pode quedar espectacular. Temos que estar moi concentrados para seguirnos o ritmo e non perdernos durante a súa execución.

-G.D: Non me estraña que Anxo comente iso do tema de Clastier. Tocalo para zanfona xa require dun exercicio de virtuosismo e nunca imaxinei que a puidese interpretar coa gaita. Fixemos un repertorio novo para esta ocasión e eliximos o que nos gusta nestes momentos. Coñecendo as nosa traxectorias supoño que algunha xente pode intuír por onde irá o noso estilo como dúo, que se moverá por algúns vieiros que non son nada habituais.

- Que lembran das súas intervencións en anteriores galas dos PREMIOS OPINIÓN?

-A.L: Teño moi boa lembranza, tanto na que toquei na homenaxe a Milladoiro, onde fixen unha fusión co trío Om-Off no tema A Bruxa, como da que asistín hai dous anos por ser finalista ao mellor tema orixinal. Encantoume esa noite con ACadaCanto, Talabarte e Carlos Blanco.

-G.D: Comparto esa grata lembranza que di Anxo de cando fun facer un pequeno concerto como solista na décima edición. Lembro que gustaron os chistes que contei, o público estivo moi receptivo. Vai ser un pracer estar outra vez enriba do escenario e despois tócame estar atento ao que suceda cos gañadores, ao ser finalista nun par de categorías. A xente trátame de marabilla desde que estou vivindo en Galicia. Que xa me adoptasen como músico do país é algo que valoro moito e bota por terra iso que me din algúns na miña Castela natal que consideran que no terreo musical os galegos só miran o seu. Cómpre vivir nesta terra para saber realmente o que sucede.

- Que tal se lles presenta de actuacións o verán?

-A.L: Non teño queixa. Estarei actuando co formato de trío en Bélxica, Alemaña, Suíza, Portugal, Irlanda, Italia e en Chile como solista.

-G.D: Sei que teño algo xa asinado para tocar no estranxeiro, pero está apuntado na axenda e non lle sei dicir de memoria. Xa estou dando os derradeiros concertos do Método Cardiofónico e algunha actuación realizarei coa Brigada Bravo&Díaz. Hai pouco tiven un fillo e iso fíxome parar un pouco.